A Nintendo 3DS terá unha edición especial dedicada ao 25º aniversario de Zelda

martes, 8 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A Nintendo 3DS parecía ter completado o seu abano de cores de cara ao Nadal tras anunciar que estaría presente en branco e rosa, pero o 25º aniversario da saga The Legend of Zelda achéganos a sorpresa dunha edición limitada da 3DS que recupera unha das súas primeiras cores (negro cósmico) ao que engaden adornos en cor dourada, dando unha imaxe claramente diferenciada á consola portátil 3D que promete arrasar en vendas este Nadal. Esta edición especial chegará ás tendas o 25 de novembro, e incluirá o xogo The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D (incrementando o seu atractivo como agasallo).
Cómpre lembrar que o xogo Ocarina of Time está considerado como un dos mellores títulos da historia dos videoxogos polas revistas especializadas, e nesta actualización melloráronse os seus gráficos, adaptouse ás 3D da nova consola portátil de Nintendo e incluso incorporouse unha completa tradución ao español, converténdose en todo un imprescindible para os seareiros de Link e a princesa Zelda.

O novo modelo de Nintendo 3DS ten na súa carcasa o logotipo de Hyrule e outros adornos dourados

PUBLICIDADE