A Nintendo 3DS terá bloqueo rexional

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Mañá preséntase o lanzamento europeo da Nintendo 3DS, de xeito que definiranse as condicións (data, prezo e catálogo) coas que botará a andar a nova consola portátil e que podería levar a algúns usuarios impacientes a sucumbir á tentación de intentar facerse cun modelo de importación para poder obter a Nintendo 3DS antes que o resto de europeos, o que deberiamos desaconsellar, pois Nintendo deixou claro que a súa consola contará con bloqueo rexional, o que implica que Europa/Australia, EE.UU. e Xapón serán 3 mercados separados, polo que un xogo europeo non funcionará nunha consola europea.
Dende Nintendo matizan que tomaron esta medida para adaptar os seus produtos a distintas linguas, cualificacións por idades, sistemas de control paterno e adaptarse ás distintas lexislacións locais. E o bloqueo non afectará só aos xogos, senón tamén aos servizos en liña, e aínda que é posible que algún título sexa multi-rexión (como acontece con outras consolas de videoxogos) dende Nintendo recomendan adquirir sempre os xogos de 3DS na mesma rexión na que se adquiriu a consola para evitar problemas.
De todos os xeitos, algúns usuarios continuarán a optar por mercar a súa consola nun mercado diferente por estar máis satisfeito co catálogo de xogos correspondente, aínda que en tal caso deberá superar certas barreiras idiomáticas (son poucos os xogos norteamericanos dispoñibles en español, tanto en dobraxe coma en textos).

PUBLICIDADE