A Nintendo 3DS recibirá interesantes novidades nas vindeiras semanas

mércores, 13 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde Satoru Shibata presentou un novo Nintendo Direct para dar conta dos vindeiros lanzamentos da súa compañía no mercado europeo, comezando por comentar detalles sobre dúas das grandes apostas de Nintendo para as súas consolas portátiles na campaña de Nadal: The Legend of Zelda: A Link Betweet Worlds e Bravely Default, que chegarán ás tendas os días 22 de novembro e 6 de decembro respectivamente, destacando o último por contar tamén cunha edición de luxo (que incluirá un disco coa banda sonora, unha colección de cartas, un libro de ilustracións e unha figura) e por estrear hoxe mesmo unha versión de demostración en inglés (o xogo final estará traducido ao español).
Xa para o ano que vén, o vindeiro 17 de xaneiro, teremos Mario Party: Island Tour, que promete ser tamén un grande éxito xunto con Inazuma Eleven 3: ¡La amenaza del Ogro!, polo que haberá que agardar ao 14 de febreiro.

A Nintendo 3DS poderá empregarse para ver vídeos de YouTube

Pero a Nintendo 3DS non só recibirá grandes xogos, senón que tamén está a renovar o seu software, e antes de rematar o mes recibirá a aplicación de YouTube, de xeito que será posible reproducir vídeos do popular servizo de Google directamente na consola portátil de Nintendo, podéndose navegar polos mesmos na pantalla inferior mentres temos outro vídeo en reprodución na pantalla superior.
Para o mes que vén tamén recibirá unha importante actualización de software a Nintendo 3DS, que destacará por permitir o uso dun Nintendo Network ID en Nintendo 3DS, o que facilitará a combinación de saldos entre Wii U e 3DS; outra das novidades desta actualización será a estrea do Miiverse na consola portátil, de xeito que este sistema de comunicación xa non será exclusivo de Wii U.
Outro interesante anuncio de Nintendo foi o xogo descargable que está previsto comercializarse en 2014, Nintendo Pocket Football Club, un título de xestión dun equipo de fútbol, que permitirá tanto xogar en solitario como competir sen fíos cos amigos ou enfrontarse a outros adestradores a través da Internet.
Shibata quixo pechar a presentación desvelando algunhas novidades sobre xogos de Wii U como Super Mario 3D World, Plaza Animal Crossing, Pikmin 3, Wii Fit U e Wii Sports Club.


Vídeo íntegro co Nintendo Direct da pasada tarde

PUBLICIDADE