A Nintendo 3DS podería gravar vídeo estereoscópico mediante unha actualización

xoves, 13 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A poucas semanas para que chegue a Nintendo 3DS ao mercado xorden informacións sobre o produto coma o calendario de lanzamentos de xogos para a nova consola portátil e incluso unha interesante entrevista na que Shigesato Itoi conversa con Shigeru Miyamoto e Satoru Iwata sobre a creación da 3DS, os seus antecedentes (a Nintendo 64 e a Virtual Boy) e o que achegará o produto, chegando a comentarse Iwata que a cámara estereoscópica integrada non só tomará fotografías, senón que en futuras actualizacións podería permitir a gravación de vídeo (que podería almacenarse en tarxetas SD de ata 32 Gb).
Na entrevista as grandes figuras de Nintendo recoñecen levar moitos anos traballando nas 3D, e tras atopar moitos atrancos no camiño, por fin consideraron que era o momento de lanzar un produto como a 3DS ao mercado, asegurando que están certos de que vai captar a atención de toda clase de público, en boa medida polo efecto que teñen as 3D na xente, que parece cativada por unha sensación que curiosamente vive en todo momento no mundo real, pero que ao percibir a través dun visor LCD resulta rechamante.
A pequena barreira que separa a realidade da pantalla poderá aproveitarse especialmente para desenvolver xogos que fagan uso da realidade aumentada, dando lugar a títulos cun desenvolvemento inédito que poderían marcar un camiño a seguir.

PUBLICIDADE