A Nintendo 3DS está a vender menos do estimado

mércores, 27 de abril do 2011 Marcus Fernández

Mozos probando a Nintendo 3DS en A Coruña

Tras recoñecer unha caída de beneficios moi importante durante o último ano e verse forzados a anunciar unha nova consola doméstica na vindeira edición do E3, agora o presidente da compañía, Satoru Iwata, recoñece que a Nintendo 3DS está a vender por debaixo do esperado, pois tras un forte lanzamento (400.000 unidades vendidas nos EE.UU. nunha semana, 371.000 no Xapón nos primeiros 2 días e 303.000 unidades na primeira fin de semana en Europa) as vendas caeron considerablemente. Concretamente colocaron 3,6 millóns de consolas nun período no que agardaban vender 4 millóns de unidades.
Agora Iwata asegura que a súa compañía sobreestimou o atractivo da pantalla 3D sen lentes da súa nova consola portátil, algo que é moi difícil de transmitir a través dos medios de comunicación tradicionais (xa que é preciso probar en persoa a consola para poder experimentar a sensación de visión autoestereoscópica da súa pantalla), polo que van ter que esforzarse en explicar o valor dos servizos de conectividade que ten a 3DS, así como educar ao público do uso da barra de 3D para axustala a cada persoa (polo que as queixas sobre os mareos que padecen algunhas persoas poderían terse evitado).
A finais de maio sairá unha actualización da 3DS que incorporará a eShop (tenda de descargas) e a posibilidade de empregar vídeo 3D, características que potenciarán enormemente as capacidades da consola, o que xunto cos lanzamentos de grandes xogos de cara ao verán suporá un pulo para que as vendas da Nintendo 3DS melloren durante os meses anteriores á campaña de Nadal (cando non hai dúbidas sobre as fortes vendas que terá a portátil de Nintendo).

PUBLICIDADE