A Nintendo 3DS comeza a venderse no Xapón

luns, 28 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A agardada consola portátil Nintendo 3DS por fin é unha realidade, aínda que só no Xapón, ponde saíu esta fin de semana á venda, mentres que en Europa deberemos agardar ao 25 de marzo para poder facernos cunha destes atractivos trebellos con pantalla 3D que non precisa de lentes para o seu uso (aínda que o seu fabricante recomenda descansar 15 minutos por cada 30 minutos de xogo en 3D, para evitar fatigar a vista).
O lanzamento xaponés da nova portátil de Nintendo podería considerase todo un éxito se vemos as grandes colas que se formaron nas tendas que vendían o desexado dispositivo, pero o feito de que só puxeran en circulación 400.000 unidades rematou cunha inevitable consecuencia: esgotáronse no seu primeiro día á venda. Deste xeito o obxectivo de vender 1,5 millóns de unidades no Xapón antes do 31 de marzo (previsión que facía Nintendo para o trimestre fiscal) parece bastante razoable, agardando colocar nese mesmo período 4 millóns de unidades a nivel mundial.

A Nintendo 3DS véndese actualmente en 2 cores

En moitos establecementos nipóns só despachaban a Nintendo 3DS aos clientes que tiveran feita cadansúa reserva, mentres que outras tendas repartiron números entre os integrantes das colas que se formaron nas súas entradas ata esgotar as unidades dispoñibles, polo que existía certa facilidade de facerse cunha destas portátiles, de xeito que non é de agardar que se dispare a venda paralela das consolas (especialmente porque vai ter código de rexión, de xeito que non é de agardar que haxa unha forte demanda internacional de unidades niponas).

Unha ollada en detalle

Agora que a consola xa non é un prototipo, e xa pode adquirirse nas tendas, pode analizarse o que inclúe a súa caixa e a súa aparencia exterior, polo que moitos son os blogs e páxinas web que detallan as características da Nintendo 3DS, o que segue a resultar incompleto para o consumidor, que ten que experimentar en primeira persoa a pantalla autoestereoscópica do dispositivos para facerse unha idea da experiencia de xogo que permitirá, así como outros usos que facilita (fotografía 3D, realidade aumentada…).


Vísta en detalle da Nintendo 3DS publicada por Kotaku


Os consellos de seguridade da Nintendo 3DS vense con certo humor por parte do público internacional

Axenda da campaña ¡Prueba y verás!

Precisamente para que poidamos comprobar por nós mesmos a experiencia que achega a 3DS e a súa pantalla, Nintendo está a organizar en España a xira ¡Prueba y verás! que vai pasar por A Coruña entre os días 23 e 27 de marzo, para que os interesados na nova portátil poidan probala a fondo para decidir a súa compra. Para poder acudir á unidade móbil de Nintendo é preciso facer a reserva correspondente.

A sombra da piratería

Pese a que Nintendo asegura que a súa nova consola conta con fortes medidas anti-piratería (das que aínda sabemos pouco), o feito de que sexa retro-compatible, ou sexa, que permita o uso de xogos para a Nintendo DS, ten unha consecuencia difícil de evitar: os cartuchos que permiten cargar na DS xogos non orixinais coma os famosos R4 parecen ser compatibles coa 3DS.
Iso non quere dicir que os xogos de 3DS poidan copiarse, senón que, mentres non se actualice a consola, os xogos copiados de Nintendo DS van funcionar na Nintendo 3DS, o que non debería ser moi preocupante para a compañía nipona (pois nos vindeiros meses os grandes lanzamentos serán para a nova consola, quedando os vellos modelos paulatinamente abandonados polos desenvolvedores).


Demostración do funcionamento dun cartucho R4 nunha Nintendo 3DS

PUBLICIDADE