A Mesa fai un chamamento a usar a app que distingue os establecementos que apostan polo galego

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O impulso do galego ben merece que collamos un móbil e fagamos unha paréntese. A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou o ano coa ollada posta nas pantallas. Hoxe mesmo volveu presentar os detalles da nova aplicación de Abertos ao galego, a iniciativa da Mesa para mostrar ante o mundo os establecementos e empresas en xeral que fan uso da nosa lingua e amplían deste xeito os seus horizontes culturais, patrimoniais, empresariais e de marca. Trátase dunha ferramenta móbil que nos permite xeolocalizar e valorar os comercios galego-friendly e distinguilos cuns sinais de identificación (o sinal Aquí usamos o galego) que permitan, a quen veña despois, atopalos e recocelos do mellor xeito posíbel.
A aplicación foi dada a coñecer hoxe en Santiago noutro histórico establecemento recoñecido pola defensa do galego como valor primordial comunicativo e, tamén, de prestixio: a Libraría Couceiro. Marcos Maceira, presidente da Mesa, asegurou na presentación da campaña que “na entidade somos conscientes das dificultades coas que se encontra o empresariado á hora de utilizar o galego con toda normalidade" e engadiu os problemas van “desde a inexistencia de programas informáticos até os limites legais”. Ao fío disto, Maceira lembrou que “entre as 500 disposición legais que no Estado obrigan ao uso do castelán, a metade refírense ao ámbito do comercio e consumo”.
Segundo dixo Maceira, “o empresariado que utiliza o galego dá mostras de compromiso co país e coas persoas consumidoras, sen ningún apoio institucional e cunha Xunta que se abstén de cumprir as súas obrigas de promoción do idioma, o que inclúe facilitar o seu uso ao empresariado”.
Maceira e Celia Armas, responsábel de Abertos ao galego, lembraron que a aplicación desta iniciativa presentouse a finais de 2018 e “xa conta con máis de 600 estabelecementos de toda Galiza referenciados”. A app, engadiron, “permite localizar as empresas que utilizan a nosa lingua por sectores e valorar o uso do galego para que as persoas responsábeis poidan introducir melloras”.
A Mesa distribuirá polas cidades e vilas de Galicia material informativo sobre os “cinco motivos para usar o galego, sobre como diferenciarnos da competencia e xerar cota de mercado, e sobre as pautas recomendadas (18) para acadar o devandito. A entidade ofrece, tamén, toda a axuda e experiencia como colectivo social con 34 anos de experiencia e a primeira en desenvolver accións deste tipo entre o empresariado.

PUBLICIDADE