A Mariña de Lugo achegará realidade aumentada e virtual para darse a coñecer

mércores, 27 de decembro do 2017 Redacción

O edificio do CENIMA, sede do centro de turismo interactivo da comarca

O Concello de Foz remata o ano facendo reconto do que será un dos grandes proxectos TIC do municipio e máis da súa contorna: o Proxecto Mariña Virtual, dirixido a tirar o máximo proveito dos novos recursos tecnolóxicos para fortalecer as moitas posibilidades turísticas locais. A Mariña Virtual vén da man do Concello, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Presidencia. Segundo informa o Goberno focense, avanzando algúns detalles da iniciativa, esta permitirá que o coñecemento sobre cada zona da costa de Lugo que se visite sexa o máis amplo posíbel, achegando, en relación con cada emprazamento de interese, “experiencias únicas para os sentidos”.
Por exemplo, permitirase que coñezamos cada enclave turístico dende o ar, que interactuemos con personaxes históricos ou que viaxemos polo tempo e a historia para coñecer o pasado da comarca. E todo, sinala o Concello, “dunha maneira integral, lúdica, divertida e sensorial”.
Entre outros recursos, botarase man de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e realidade virtual. O centro de operacións do proxecto (unha oficina de turismo virtual que aglutine os esforzos dos quince concellos da comarca) localizarase no andar baixo do edificio do CENIMA. O centro integral de turismo interactivo será obxecto dun investimento de máis de 240.000 euros.

PUBLICIDADE