A Maker Faire Galicia presenta un programa para todas as idades e todas as tendencias

martes, 6 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Dun tempo a esta parte estase a constatar unha realidade que xa practicamente fica fóra de discusión. É esta: quen queira facer tecnoloxía, creala coas súas propias mans e enchouparse ben dos coñecementos e habilidades dos demais, vai poder facelo. Que estamos en Compostela os días 24 e 25 de novembro e queremos avanzar no noso camiño argalleiro? Pois nada mellor que visitar o evento Maker Faire Galicia, que chega á súa cuarta edición na Cidade da Cultura. Por certo que as entidades organizadoras da feira veñen de presentar o programa de actividades. Haberá charlas, obradoiros, campionatos de robots, exhibicións de parkour, circuítos de drons ou carreiras de coches DIY, entre outras moitas accións.
Segundo explican as responsábeis da cita, esta, amais de incluír a xa tradicional feira expositiva (na que se poderán ver os enxeños máis innovadores dos makers participantes), tamén porá a disposición dos asistentes “un amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos de diferentes idades e cunha gran diversidade de contidos e obradoiros, desde a biotecnoloxía, a electrónica ou os bioplásticos até a programación ou a fabricación de zocas con materiais reciclados”.
Asemade, as entidades organizadoras salientan “o exclusivo circuíto de drons que terá lugar no túnel subterráneo da Cidade da Cultura” ou, tamén, a actividade chamada Hebocon, un campionato de robots para familias.
Respecto do capítulo de charlas, amais de contar cos xa anunciados Jose Luís Cordeiro, David Aguilar ou Gael Langevin, a edición deste ano tamén destaca pola integración de conferencias independentes ao abeiro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, e coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades tech de Galicia.
Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Para quen queira recadar máis datos do evento, está a disposición da comunidade argalleira un vídeo de presentación en YouTube:

PUBLICIDADE