A LUMIX S1H gravará vídeo 6K a 24 imaxes por segundo

venres, 31 de maio do 2019 Marcus Fernández

Panasonic anunciou hoxe o desenvolvemento da cámara LUMIX S1H, unha nova cámara con obxectivo individual sen espello equipada cun sensor de tamaño completo que presume de ser a primeira cámara dixital de obxectivos intercambiables do mundo en gravar vídeo en 6K a 24 imaxes por segundo (cunha relación de aspecto 3:2), en 5,9K a 30 imaxes por segundo (en 16:9) e en 4K e 10 bits a 60 imaxes por segundo, que sairá á venda no outono.
Panasonic xa destacara en 2009 coa gravación de vídeo AVCHD en alta definición da LUMIX GH1, coa gravación 4K da LUMIX GH4 en 2014 e coa gravación 4K a 60 imaxes por segundo da LUMIX GH5, e a LUMIX S1H continuaría neste liña de innovación.
A enorme resolución da LUMIX S1H adáptase a unha ampla variedade de formatos de gravación, podendo empregarse tamén para producir contidos en 4K aproveitando a resolución para un maior detalle ou realizando recorte sobre a imaxe captada. Amais, o rango dinámico e o espazo de cor desta nova cámara estará ao mesmo nivel de moitas cámaras de cine. Un detalle que tamén destacan dende Panasonic é que a S1H pode gravar vídeo de xeito ilimitado, ou sexa, sen ter que parar para que arrefríe o seu sensor.
A LUMIX S1H sería unha cámara ideal para a produción de películas, e aínda que non se anunciou oficialmente o seu prezo, espérase que estea preto dos 4.000 dólares.

PUBLICIDADE