A Insta360 Ace Pro incorpora pantalla abatible e obxectivo certificado por Leica

martes, 21 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O fabricante chinés Insta360 continúa a pór as cousas complicadas a GoPro, e agora presenta dúas novas cámaras de acción moi interesantes: a Insta360 Ace (dirixida a principiantes) e a Insta360 Ace Pro (desenvolvida en colaboración con Leica).
Estas cámaras de acción son moi semellantes, ambas cunhas dimensións de 71,9 x 52,15 x 38,5 milímetros e un peso moi semellante por debaixo dos 180 gramos, pantalla abatible de 2,4 polgadas, funcións de captura intelixentes, 3 micrófonos, a posibilidade de disparar fotografías de até 48 Mpíxeles, unha autonomía duns 100 minutos, conectividade Bluetooth 5.2, Wi-Fi e USB-C, e moitas outras funcións, de xeito que a diferenza principal entre ambos modelos está na súa lente, que na Insta360 Ace ten un sensor de 1/2 polgadas, mentres que a Insta360 Ace Pro ten un sensor de 1/1,3 polgadas, servindo este tamaño adicional para conseguir imaxes de maior calidade, e incluso mellorar a súa resolución máxima de gravación de vídeo, que é de 8K (mentres que o modelo básico grava até 6K).
A Insta360 Ace solta ten un prezo de 409,99 euros, mentres que o modelo Pro eleva o seu prezo até os 479,99 euros, de xeito que a elección entre ambas cámaras parece está marcada basicamente no nivel de esixencia do usuario final. As cámaras tamén sen comercializan en lotes orientados ao ciclismo, aos deportes de inverno, aos deportes acuáticos...
Estas cámaras manteñen as funcionalidades propias de anteriores produtos da marca, como resistencia á auga até 10 metros, estabilización FlowState (que consegue uns resultados comparables a un estabilizador físico), capturas de día tirando proveito do HDR e aplicación móbil que facilita a creación de contidos atractivos para compartir en redes sociais, aínda que desta volta, a Insta360 Ace Pro desmárcase un pouco ao apostar por unha maior calidade grazas ao traballo de Leica e á incorporación dun chip IA que mellora a imaxe con pouca luz.

Vídeo promocional das novas cámaras de acción de Insta360