A IA e as tecnoloxías intelixentes entran no currículo educativo de ESO e Bacharelato

martes, 30 de maio do 2023 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación das materias optativas autonómicas Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, que se ofertarán o vindeiro curso escolar 2023-24 nas etapas de ESO e Bacharelato respectivamente. No acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
Este reforzo do currículo desde o ámbito autonómico responde a un dos obxectivos prioritarios da Xunta en materia educativa: ofrecer as ferramentas necesarias para responder axeitadamente aos novos desafíos da sociedade. Nesta liña, o ensino “ten que transformarse ao abeiro dos cambios tecnolóxicos, prácticos e loxísticos”, afondou o conselleiro, que subliñou o “modelo de éxito galego” caracterizado por unha “evolución tranquila” renovando e ampliando plans xa consolidados e implementando outros novos “para enfrontar os desafíos de hoxe e de mañá”.

Intelixencia artificial

Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO cunha carga lectiva de tres horas semanais, busca avanzar na alfabetización e na mellora das competencias dixitais dos alumnos, en liña cos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030.
O conselleiro Román Rodríguez destacou a súa transversalidade na medida en que “ofrece coñecementos útiles para calquera disciplina” e, ademais, cobra “particular relevancia en Galicia” tras o anuncio do establecemento na Coruña da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
No seu currículo introdúcense aspectos da intelixencia artificial desde unha perspectiva dos alumnos como futuros usuarios dos sistemas intelixentes. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.
Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloque: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspecto legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a Internet das Cousas).

Tecnoloxías intelixentes

Tecnoloxías intelixentes ofertarase en 1º curso de Bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas e está enfocada a que os alumnos “adquiran coñecementos básicos de programación, emprego de datos e de estatísticas e análise de resultados automáticos”. Román Rodríguez salientou o “enfoque práctico” desta materia a través do uso de programas de procesamento de datos.
Así pois, o seu contido céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.
Paralelamente os estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun entorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.
Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe) e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).

Asesoramento de expertos

Para a elaboración dos contidos de ambas materias contouse cun equipo de expertos docentes, das universidades, das empresas e da Xunta de Galicia.
En representación dos centros educativos participaron Francisco Javier Bellas, catedrático de ciencia da Computación e Intelixencia artificial da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Francisco Fuentes, catedrático de Informática do Instituto IES Fernando Wirtz; José Manuel Viñas, asesor do Centro de Innovación Educativa e Dixital e Sara Guerreiro, doutoranda do departamento de Ciencias da computación e tecnoloxías da información da Universidade da Coruña.
Por parte da Universidade participou Alberto Bugarín, que é o coordinador do Grao en Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais tamén formaron parte do equipo de deseño curricular profesionais das empresas PMO NTT Data Europe & LATAM e Deloitte; así como a directora do CESGA; María José Rodríguez.

PUBLICIDADE