A Gamescom deste verán será totalmente dixital

mércores, 15 de abril do 2020 Marcus Fernández

Entre os días 25 e 29 de agosto estaba prevista a celebración da feira de videoxogos máis importante de Europa, a Gamescom, que pese ás cancelacións de practicamente toda a axenda global do sector resistíase a recoñecer que sería imposible de celebrar até hoxe, cando entrou en vigor a prohibición da celebración de grandes eventos en toda Alemaña até que remate o mes de agosto, levando a que a Gamescom presencial diga finalmente adeus, e confirmen que celebrarase de xeito virtual.

Isto quere dicir que a Gamescom non se adiará para despois de agosto, senón que cancela totalmente a actividade física, e celebrarase totalmente a través da Internet, plan no que xa veñen traballando nas últimas semanas en previsión de que a feira tradicional non puidese ter lugar, facilitando así que as empresas participantes poidan realizar os anuncios que tiñan previstos para os días da feira de videoxogos de Colonia.

A Gamescom tiña confirmada a presenza de compañías como Bandai Namco, Bethesda, Capcom, Electronic Arts, Microsoft, Nintendo, Sega, THQ Nordic, Ubisoft, CD Projekt Red e moitas outras, que este ano están a ter serias dificultades para atopar o espazo axeitado para presentar as súas novidades de cara á vindeira xeración de consolas que teremos na campaña de Nadal. Será interesante ver se realmente unha feira de videoxogos en liña ten sentido, ou se para as compañías resulta máis efectivo realizar as presentacións de novidades pola súa conta.

PUBLICIDADE