A Galipedia medra a bo ritmo: máis de 30.000 artigos e no posto 39 das wikipedias do mundo

luns, 10 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

A presenza da nosa lingua e nosa cultura segue a abrirse camiño na Internet a través dun dos proxectos colectivos da Rede dos que máis se está a falar nas últimas semanas, ás veces en aberta crítica e no medio dunha polémica: a Wikipedia. O caso é que, enleadas aparte, a Galipedia (que é a Wikipedia galega) vén de superar xa os 30.000 artigos, situándose neste intre (mentres se redactaba este texto nas 30.299 entradas), tal e como se reflicte no seu espazo en liña dedicado ás estatísticas.
Por certo que todo indica a que logo desta liña dos 30.000, que foi superada co texto no que se fala da Convención sobre os Dereitos do Neno, teremos que falar en breve da dos 35.000, tendo en conta o bo ritmo ó que traballa a comunidade internauta que a fai posible e que está constituída -amais de por redeiros galegos en xeral- por 2.753 usuarios rexistrados, dos que 11 son administradores. O caso é que o paso dos 25.000 (os que había en xuño) ós 30.000 acadouse so en pouco máis de cinco meses, situándose a nosa lingua no posto 39º do mundo dentro da listaxe de linguas e culturas que concorren na Wikipedia.

PUBLICIDADE