A GDC adía a súa celebración até o verán por mor do COVID-19

venres, 28 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos que a Game Developers Conference (GDC) que terá lugar en San Francisco entre os días 16 e 20 de marzo estaba a rexistrar cancelacións de compañías como Facebook ou Sony por mor do COVID-19, pero a sangría de participantes está a ser moito peor aínda, e nas últimas horas anunciaron a súa ausencia Epic Games (compañía detrás do Unreal Engine) e Microsoft, anunciando a compañía de Redmond que limitará a súa presenza á Rede, de xeito que as súas demostracións e charlas técnicas realizaranse a través da Internet.
Nos últimos anos no GDC sempre houbo unha grande actividade en liña, xa que este tipo de encontros profesionais están moi orientados á formación en tecnoloxías de desenvolvemento, e son moitos os que teñen que seguir as presentacións e obradoiros de xeito remoto, polo que boa parte das actividades poderían virtualizarse aínda que o encontro físico non tivese lugar.
Nos últimos días tamén anunciaron que non acudirán á GDC compañías como Kojima Productions, Electronic Arts, PUBG Corp, CD Projekt Red, Unity e outras compañías de menor tamaño, pero o feito de que nin os fabricantes de consolas nin os responsables dos principais motores gráficos cos que se desenvolven a meirande parte dos xogos vaian estar presentes na GDC fai que o evento careza de sentido, polo que, como aconteceu co MWC de Barcelona, a cancelación parece só unha cuestión de tempo.
Dende a organización aseguraron hoxe mesmo que continúan a monitorizar a situación do COVID-19, sen claudicar polo momento, o que lembra ao acontecido co MWC, evento que non confirmou a súa cancelación até que a cantidade de cancelacións o fixeron totalmente inviable.

ACTUALIZACIÓN: A poucas horas de anunciar que mantiñan a celebración da Game Developers Conference, pero continuaban a vixiar a situación por mor do impacto que estaba a provocar a propagación global do COVID-19, aconteceu o que todo o mundo prevía dende hai bastantes días: cancélase a celebración da GDC no mes de marzo.
Pese a estar organizado un completo programa de actividades con participantes de todo o mundo, a acumulación de cancelacións por mor do medo a infectarse co coronavirus levou a que o evento presencial quedase carente de contidos, e boa parte dos participantes preferisen realizar as súas presentacións e actividades a través da Internet.
Dado que estamos ante un ano moi importante para o desenvolvemento de videoxogos, por mor da chegada dunha nova xeración de consolas, a organización da GDC non di adeus completamente á edición de 2020, senón que ten a intención de celebrala no verán.

PUBLICIDADE