A Fundación CEL pon en marcha un seminario para apoiar o desenvolvemento de 23 proxectos innovadores

luns, 4 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A Fundación CEL deu comezo este luns a un seminario dirixido a favorecer entre os nosos emprendedores potenciais o chimpo definitivo aos novos escenarios de mercado. Nesta actividade sobre (e para) a creación de empresas, avaliaranse e apoiaranse (con labores de asesoramento) até 23 proxectos promovidos dende todo o ámbito da provincia de Lugo, todos eles en maior ou menor medida relacionados coas novas tecnoloxías. No Seminario de Creación e Valoración Empresarial, organizado de xeito conxunto con Bic Galicia, participarán 45 emprendedores (responsábeis dos devanditos 23 proxectos).
Segundo informa a Fundación CEL, trátase de iniciativas de natureza moi diversa (tecnolóxica, hortofrutícola, biomasa, consultoría, enxeñaría industrial, asesoría para o medio ambiente, festas temáticas, deseño no sector acuícola, etc), moitas delas “con marcado carácter innovador e con base científica, ligadas ao eido universitario”. A organización da actividade formativa e de asesoramento valorou neste senso o apoio da Área de Valorización da USC.
O obxectivo fundamental do seminario é o de axudar ao emprendedor a coñecer os conceptos básicos precisos para enfocar o seu plan de negocio, deseñar o proxecto de empresa e contrastar a viabilidade do mesmo. Ou sexa, búscase apoiar ao novo empresario no proceso de creación da súa iniciativa de negocio. Tralo período formativo do seminario, facilitarase dende a Fundación asesoramento a través dos seus servizos de axencia de emprego e do programa para viveiros co fin de facer realidade a posta en marcha dos proxectos.

PUBLICIDADE