A Fundación CEL métenos este setembro nos segredos de Instagram e da mercadotecnia vía email

xoves, 12 de setembro do 2019 Redacción

A Fundación CEL – Iniciativas por Lugo vai organizar este mes de setembro dous novos cursos tecnolóxico-dixitais no marco da programación formativa da Rede Eusumo, dirixidos a incrementar a competividade, a rendibilidade e o adestramento TIC das PEME, das cooperativas e dos profesionais locais. Desta volta, a entidade lucense centrarase en achegar formación sobre dúas vertentes tecnolóxicas de gran proxección e moi demandadas polas empresas: as posibilidades da rede social Instagram e, tamén, do correo electrónico como ferramenta de mercadotecnia.
O primeiro obradoiro, o de Instagram, “a rede social de moda”, porá o foco no aproveitamento corporativo das funcionalidades deste servizo e desenvolverase entre os días 16 e 19 de setembro en horario de 16 a 20 horas.
O segundo curso, o que se centra no uso dos correos electrónicos como recursos de márketing (captación de novos clientes e mantemento no tempo dos xa existentes: fidelización), levarase a cabo os días 23 e 26 de setembro co mesmo horario.
Estes cursos están preferentemente dirixidos, como é habitual neste tipo de accións, a cooperativas, sociedades laborais de recente creación e emprendedores interesados nas fórmulas de economía social.

PUBLICIDADE