A Feuga achega claves para que a maquinaria da innovación galega no empresarial non fique no camiño

mércores, 12 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

De entre todas as entidades da nosa terra que foron e son, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) é se cadra a máis semellante a unha ponte. E, tamén, a un oco que se enche: o que por tradición viña existindo entre o tecido empresarial e o eido universitario. A Feuga vén de cumprir 25 anos de historia e, a través dos ollos dos seus ocupantes, as cousas fóronse desenvolvendo especialmente rápido. Non en van, estamos a falar dunha entidade moi ligada a cuestións como a innovación, a I+D, as tecnoloxías e demais asuntos que xorden, viven e esmorecen no tempo en que abrimos e pechamos unha revista.
Para falarnos dos cambios pasados e dos que virán, contamos para elaborar este artigo coa presenza de Javier López (na imaxe), director xeral de Feuga, quen (se cadra porque o traballo inflúe na vida, e viceversa) demostrou saber tanto de Código Cero coma este que escribe. A fin de contas, ese é tamén o traballo da Fundación: saber das empresas e das necesidades das mesmas antes incluso de que elas lles saiban pór nome.
López, quen subliñou o feito de que a Feuga se teña convertido na terceira vía elixida polos mozos e mozas universitarios para acadar traballo (cunha cifra de 10.000 bolsas concedidas até o de agora), tamén nos situou directamente no outro punto de vista, ó outro extremo da liña de actividade, alí onde os empresarios agardan (sabéndoo ou non) por unha oportunidade de mellorar os seus negocios. Para López, é importante que estes saiban que en cuestións de innovación a Feuga non ten todas as respostas, pero que é aínda –logo de 25 anos- unha porta na que petar cando a necesidade de renovarse aperta, e en conexión directa cos centros de investigación. Ó seu xuízo, innovar significa estar sempre atento á realidade e todo, absolutamente todo, é susceptible de ser vendido pola Rede. Até unha coartada.
-Que poden agardar da Feuga os mozos e mozas universitarios de Galiza?
-Se te refires ó das bolsas de inserción laboral, xa che digo que lles digas que poden seguir contando con elas. Por certo, que estes días pasados, facendo reconto, descubrimos que xa demos máis de 10.000 ó longo destes 25 anos de actividade, cunha taxa de continuidade nas empresas superior ó 65%. É unha mágoa, pero non temos datos sobre que o que ten pasado con eses mozos e mozas un ano ou dous despois de seren contratados. Prometemos estudalo máis a fondo nun futuro próximo.
-Entón a Feuga segue a ser a ponte.
-Si, unha plataforma para acadar un posto de traballo. E, amais diso, unha fonte de formación. De feito, estamos a preparar actividades deste tipo que virían dentro mesmo das bolsas e, tamén, programas específicos para mellorar a empregabilidade en sectores onde non hai, polas razóns que sexan, boas posibilidades de inserción.
-Que sectores, por exemplo?
-Pois, por poñer uns exemplos, os que atinxen ás titulacións de Belas Artes ou Filoloxía. Todo é unha cuestión de ampliar horizontes. Os primeiros teñen poden ter boas opcións de traballo dentro do deseño gráfico ou o industrial e os segundos en tarefas vinculadas á tradución de todo tipo de libros, dende guías turísticas a manuais de maquinaria.
-Os historiadores tamén poden participar desta ampliación de horizontes?
-Todo depende do punto de vista. Hai sectores nos que é fundamental o traballo dos historiadores, recuperando información ou catalogando patrimonio para logo poñelo en valor a través das novas tecnoloxías. De feito, recentemente na Feuga recibimos unha petición de 15 bolseiros licenciados en Historia e semella que tiñan dúbidas sobre se poderían conseguilos ou non, ó que lles respondín que os terían sen problema algún.
-Esa taxa de inserción da Feuga, foi sempre constante no tempo?
-A taxa foi medrando ó longo destes 25 anos. Ó principio, o número de mozos e mozas que se abrían camiño no eido empresarial era escaso. Paseniño, a nosa vía, a que achega a Feuga, foise consolidando como a terceira vía.
-A terceira vía?
-Si, para procurar emprego, logo da primeira opción, que consiste en procuralo a través da rede de contactos de amigos, familiares e compañeiros.
-A que mellores resultados dá…
-Probablemente si.
-E a segunda vía?
-A segunda segue a ser o estudo a fondo dos anuncios dos xornais.
-En que se diferenza a Feuga de hoxe da de onte?
-Por exemplo: en mellorar a taxa de inserción en sectores pouco tratados. Ou en facer todo o posible a prol da innovación nas empresas. Neste senso, unha das nosas liñas de actividade máis importante é a de achegarlles a figura do xestor da innovación, un tipo profesional relativamente novo en Galicia e que vai dirixido a mellorar a capacidade das empresas de ollar sempre cara adiante. Serían traballadores previamente formados aquí que acompañarían logo ás firmas no seu día a día innovador.
-Todas as empresas precisarían dunha figura así ou só as de tipo máis tecnolóxico?
-Calquera empresa precisa deste tipo profesional, sexa do sector que sexa e do tamaño que sexa. Até faría falla nunha firma de menos de dez empregados. Mesmo na vosa, en Código Cero, que me está a entrevistar agora e na que estou seguro de que non hai un abondoso equipo de traballadores, se necesitaría dun xestor da innovación que seguise estas características, un perfil profesional que apenas existe no noso sector privado.
-Que pode facer nunha compañía un xestor da innovación? Ó noso parecer, se non damos casos concretos en todo intre, poñéndolle nome a todo, corremos o risco de converter á innovación en algo abstracto de máis, nunha sorte de idea perpetua que case nunca dá collido corpo… Que é exactamente innovar?
-En Código Cero vides de apostar por un deseño e unha maquetación interna da vosa revista. Querédelo facer no mesmo sitio onde redactades a información. Este ben pode ser un exemplo de innovación. Non me falas dun produto novo, pero si dun cambio na organización do traballo. Porén, hai casos de innovación galega ben claros que serven para explicalo todo. Pensemos en Inditex ou en Blusens. O primeiro é un bo exemplo de innovación loxística: cunha serie de melloras internas conseguiron que o tempo que se emprega en mudar toda a roupa dunha das súas tendas non vaia alén dos quince días. Blusens, pola súa parte, é un claro caso de innovación en Desenvolvemento (D), non tanto de investigación, aínda que tamén. Por exemplo: os seus responsables lograron que a antena dos seus GPRS non ocupe máis que un botón. Dende o punto de vista loxístico tamén é abondo complexa, xa que unha boa parte dos seus produtos faise no Extremo Oriente, e iso hai que controlalo polo miúdo.
-A innovación vén de onde menos a esperas…
-Si, só se trata de estar cos ollos ben abertos. Persoalmente, hai un caso que me gusta moito, e teño que dicir que apenas inclúe Investigación e Desenvolvemento. Veu da man dun rapaz de Silleda especialmente observador e sen apenas formación de mercado nin tecnolóxica pero que soubo deseñar, primeiro, un aparello para apañar as uvas sen necesidade de empregar tesoiras. Consistía nunha pequena coitela inserida nunha luva con tres dedos. Houbo aí Investigación e Desenvolvemento? Non, non o houbo, pero si que se se xuntaron dous conceptos (a luva e a coitela) para crear un so. Na mesma liña, púxose en marcha tamén en Silleda unha factoría de cigarrillos limpos que tiñan o tacto do cigarros normais pero que incluían unha mestura herbas que non eran dañinas para os pulmóns. Ideais para xente que devecía por deixar de fumar, sobre todo nun tempo, hai agora uns dous anos, en que as restricións se estaban a volver especialmente ríxidas. Isto tamén é innovar: aproveitar circunstancias especialmente restritivas sobre algunha práctica ou produto e ofrecer alternativas. A fin de contas, innovar é un exercicio claro de observación, e ás veces non fai falta ter un departamento de técnicos para acadala.
-Innovar non é o mesmo cá Investigación e o Desenvolvemento (I+D)?
-Toda I+D que chega ó mercado é innovación, pero non toda a innovación é I+D. O 80% das innovacións non requiren I+D. Por exemplo: unha acción innovadora é vender por correo electrónico onde non se adoita a facelo. A iniciativa Lonxanet é un exemplo disto: varias empresas de venda de peixe que se xuntan para facelo na Rede e pór en marcha unha especie de lonxa virtual. A Armería Monterroso segue a mesma liña, pero sen renunciar ó establecemento tradicional e ás canles de venda que coñecen os galegos que nunca se conectaron á Rede. De xeito simultáneo, púxose en marcha a plataforma de venda na Internet. Houbo aí I+D? Non, simplemente mudouse a canle de promoción e distribución. Ou mellor dito: ampliouse até chegar ó mundo enteiro.
-Pero haberá cousas que non se poidan vender pola Rede…
-Na Rede pódese vender absolutamente de todo. Eu teño un fillo celíaco e agradezo especialmente a existencia da Internet, porque doutro xeito me sería imposible facerme con determinados produtos. Olla se hai cousas de todo tipo á venda na Rede que até hai unha empresa que se dedica a vender coartadas para maridos ou donas infieis, deseñadas até no último detalle.
-Volvemos á retomar a pregunta coa que abrimos esta entrevista, pero darlle a volta e ollalo todo dende a outra beira do río: que agardan hoxe en día as empresas da Feuga? Que poden agardar?
-As empresas galegas poden agardar de nós que sigamos a identificar capacidades de Investigación e Desenvolvemento nas universidades para logo achegalas a elas. Xunto coas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación das tres Universidades de Galicia, constituímos unha porta de entrada para esas capacidades.
-Hai algunha porta especialmente rápida e doada de cruzar?
-Si, a través de iniciativas como Innova Express, que é un proxecto co que estamos a implantar accións innovadoras xunto cun grupo de sete empresas nun prazo que non vai alén das oito semanas. Nese tempo, o traballo está feito. A nosa intención é que se vexa a utilidade de innovar. Ademais, o prazo abonda para que a empresa saiba se o proxecto lle interesa ou non. Trátase de que a utilidade se vexa canto antes, perante os ollos. Nós limitámonos a guialos e eles deciden logo se seguen ou non.
-Este labor de asesoramento da Feuga, tamén se traduce en axudas para as súas propias iniciativas?
-Nós o que facemos é axudalas a atopar claves para obter financiamento, si, para os seus propios proxectos. Cada pouco tempo facemos roldas deste tipo dende diferentes vías, particularmente co CDTI ó que xa lle temos presentado máis de 40 empresas. Neste senso, temos pensado contratar a alguén aquí que axude estruturar o financiamento de proxectos de I+D+i.
-Como se trazan esas pontes entre as universidades e as empresas? Que métodos se seguen? Trázanse pontes e nada máis, sen estudos previos ou contactos previos?
-Non, o máis habitual é saírlles ó paso ás empresas, co fin de preguntarlles cales son os seus intereses en I+D. Logo, nós axudámoslles a dar con esas capacidades que requiren no eido universitario e nos grupos de investigación. Facemos fondos estudos de sector e sabemos moito dunha firma concreta denantes de visitala. Ou sexa: levamos os deberes feitos.
-A conexión entre universidade e empresa é agora máis doada que hai 25 anos?
-Hai 25 anos a cultura de colaboración era baixa e estaba limitada, mesmo por lei. Non existía legalmente esa posibilidade contacto. Era unha época en que o tópico de campus universitarios de costas ás empresas tiña o estatus de real. Co paso do tempo a situación foi mudando e chegamos a niveis cada vez máis sofisticados de colaboracións como por exemplo as spin-off, que son empresas que xorden dunha matriz, neste caso concreto do eido da universidade e algunha liña de investigación. Para que o entendades: Código Cero é unha spin-off dun programa da Radio Galega no que se falaba de tecnoloxías da información.
-Como se poderían resumir as liñas de investigación da Feuga? Dito doutro xeito: se tivésemos que resumir a Feuga de hoxe e do mañá en catro puntos, cales serían?
-O primeiro punto sería o da divulgación científica. Queremos achegar a ciencia á sociedade e poñer de manifesto a importancia de investigación para a sociedade enteira. Contribuír a espertar vocacións e, polo menos, axudar a que os rapaces nos colexios e nos institutos deixen de confundir ós investigadores cos detectives privados. Ou sexa, que do que se trata é de romper ideas preconcibidas, como a imaxe do científico medio tolo con bata branca ensumido de cheo no seu mundo propio. A segunda liña é a de crear innovación, mellorala e achegala máis ás empresas. A terceira é a da formación, dirixida sobre todo á xestión das actividades innovadoras. A cuarta son as bolsas, ou sexa: a inserción dos titulados.
-Unha entidade como Feuga, polo que levamos falado até o de agora, debe estar máis no mundo ca calquera outra, atenta sempre ó que acontece en materia de I+D, mercados, posibilidades de sectores, tendencias, etc. Dito doutro xeito: non hai alguén na Feuga que se dedique a premer cada segundo no botón de “actualizar”?
-Se cadra do que me falas é da importancia do labor de vixilancia tecnolóxica.
-Se cadra, si.
-Sen ir máis lonxe na Feuga estamos a dar os primeiros pasos neste senso, un eido, o da vixilancia, no que se ten traballado pouco en Galicia e que consiste en deseñar sistemas que axuden a tomar decisións axeitadas na cuestión da I+D. A idea é crear un observatorio, para o que contaremos coa colaboración das universidades e máis do CIS Galicia, e sería algo máis ca un simple observatorio. O traballo desenvolvido seguiría unha metodoloxía baseada en análises de datos máis que de opinións e na extracción de tendencias a raíz deses mesmos datos. A fin de contas, a vixilancia marca tendencias acreditables con información existente. Un informe desta índole pode dicirnos cales son os eidos de patente que se achan en alza ou en declive. O observatorio podería até achegar carteira tecnolóxica.
-Axudaríanos a separar o gran da palla?
-Non só nos axudaría a separar o gran da palla, senón tamén a crear novos grans. Grans con moito valor engadido. Sería importante para os nosos centros de investigación e, en consecuencia, para as empresas galegas. Porén, non teremos unha ferramenta deseñada neste senso até 2009. É xusto dicilo. Levará o seu tempo, posto que hai que recuperar unha chea de terreo perdido.

PUBLICIDADE