A Facultade de Dereito de Ourense presenta as súas novas xanelas en liña

luns, 28 de abril do 2014 Redacción

Antonio González, Fernado González, Soraya Martín, Abel Estévez, Roberto Bustillo, Beatriz Solano, Alejandro Pérez e Virxilio Rodríguez foron os encargados de presentar as novas webs do centro

O venres pasado a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu a presentación de varias web de seu: a do propio centro, a da delegación de alumnos, a do mestrado en avogacía e a do profesorado. Estes acubillos en liña comparten máis cousas en común que o simple feito de provir do mesmo sitio (a sala compartida deste edificio en liña é a web do centro) e presentárense na mesma xornada: son o froito “dun largo e intenso traballo que permitirá ao centro ofrecer unha imaxe nova e actualizada, ao nivel das demais facultades estatais e internacionais”, informou o decano da Facultade de Dereito, Roberto Bustillo.
Como dixemos, a sala común desta nova construción en liña é a propia páxina web do centro ourensán, entrada e eixe para as demais webs presentadas. Trátase, segundo se fixo saber na presentación, “dunha nova fiestra aberta para que os membros da comunidade universitaria e a sociedade en xeral coñeza o centro e as súas titulacións”. Coa súa remodelación prétendese basicamente mellorar a accesibilidade, optimizar a estruturación da información, actualizar e ampliar os contidos, mellorar a imaxe institucional, gañar en transparencia e axustarse ás recomendacións da ACSUG nos informes anuais dos títulos do centro, atendendo aos criterios de calidade esixidos.
Xa nun plano máis concreto e referíndonos ao miolo da páxina, ofrécenos información sobre o equipo de goberno, as titulacións, o alumnado, o profesorado, a actividade en I+D+i, a actualidade do centro e os datos de contacto. Os responsábeis desta nova ferramenta salientaron de entre os contidos que acubilla a inclusión dos espazos de I+D+i, que serán por unha banda un xeito de amosar ao mundo o traballo dos investigadores da facultade e pola outra unha maneira de impulsar o seu labor. Detrás destes traballos de remodelación, disposición e deseño atópase a empresa Ideit.

PUBLICIDADE