A Factoría Eurodixital adapta a súa experiencia en viaxes virtuais ao territorio estatal

venres, 25 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A iniciativa galega Factoría Eurodixital, logo de introducir na Rede as viaxes a Santiago ou Manzaneda co valor engadido de poder facelas sen movernos de diante do noso computador, quere estender a fórmula ás principais xoias patrimoniais, turísticas e naturais do Estado español. E está a facelo a través dun novo servizo, spainsecret.com, unha ferramenta coa que a empresa galega quere “contribuír a promover España no mundo” ao tempo que se achega unha oportunidade de autoemprego a disposición de “quen queira integrarse neste desafío”. A nova proposta, amais dunha aplicación a un pais enteiro (España) da experiencia de visitas virtuais da Factoría en enclaves máis concretos, semella consistir en si mesma nunha estratexia anti-crise.
Vivimos nuns tempos de embates produtivos”, sinala a empresa galega, e está claro que hoxe “ninguén nos vai vir buscar á casa”. Agora máis que nunca, sinalan os seus responsábeis, “temos que ser donos do noso destino”. En base a isto, a Factoría puxo en marcha spainsecret.com, que se basea como dixemos no modelo de viaxes virtuais en 360 graos (unha das marcas da casa) que, engaden, constitúe “a mellor ferramenta posíbel como soporte de negocio e como factor de xeración de riqueza”. Ao seu xuízo, as máis de 250.000 visitas en 2011 que atesourou o seu servizo descubregalicia.com amosan a “súa potencialidade nun mundo cada vez máis pequeno grazas ao uso das novas tecnoloxías”. A isto cómpre engadir os recoñecementos obtidos en 2009 de mans da Unión Europea, que distinguiu a descubregalicia.com e a virtualplanet360.com como exemplos de “boas prácticas no ámbito da creatividade e a innovación”.
Toda esta experiencia é a que acumula, precisamente, o novo servizo posto en marcha, que presenta as múltiples facetas dun destino único á vez que diverso, en palabras da Factoría. E engade: “Quen entre na nova web atoparase cunha detallada folla de ruta do lugar elixido; verá que grazas á súa versatilidade é posible trasladarse virtualmente a unha cidade e percorrer as súas rúas, deterse nas súas prazas, explorar os seus edificios, entreterse nas súas praias ou coñecer a súa oferta de hoteis e restaurantes desde calquera parte do mundo sen máis axuda que Internet”.
Máis polo miúdo, explican os membros da Factoría, estamos ante unha ferramenta “cunha enorme capacidade de penetración” que cingue turismo e novas tecnoloxías, dous nichos de mercado con “ilimitadas marxes de crecemento nun escenario global de recesión”. A intención básica é tirar partido da Internet como elemento que, malia todo, aínda segue a manter a súa puxanza como escaparate con amplo potencial produtivo e de proximidade.
A maiores, o que busca a Factoría, tal e como sinalamos ao comezo, é achegar unha oportunidade laboral para os emprendedores que queiran acompañar á empresa galega nesta andaina. O obxectivo é acadar 400 autoempregos en todo o territorio estatal. Os únicos requisitos precisos para participaren serán “dispor dunha cámara de fotos, un computador, conexión a Internet, don de xentes, moitas ganas de traballar e seguir unhas instrucións de uso que lles capacitarán para filmar un percorrido virtual 360, así como a formación necesaria para poder explicalo claramente”. Deste xeito, engádese, “poderán converterse en embaixadores da cidade ou localidade no que se asintan, promovendo un valor esencial no mercado global actual: a visibilidade”. Para adherírense, cómpre que se poñan en contacto coa Factoría, onde recibirán, vía correo electrónico, as indicacións precisas para comezar con este labor.

PUBLICIDADE