A FIC acolle este sábado a segunda edición da First Lego League de Galicia
xoves, 18 de febreiro do 2016- Os estudantes do CPI A Xunqueira, gañadores na edición 2015 do certame co seu Xunqueirobot
Xa
o
avanzamos os días pasados dende Código Cero pero non está de
máis lembralo dada a importancia da cita prevista: a Facultade
de Información da Universidade da Coruña acollerá este sábado 20
a partir das 9.00 horas a segunda edición da edición galega da
First Lego League. O evento, como lembraremos, vén da man da
Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica. A
vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión
Universitaria, Margarita Amor, inaugurará a FLL ás 10:00 horas no
salón de actos. No mesmo lugar, o reitor, Julio Abalde, participará
na entrega de premios ás 13:45 horas.
Como
dixemos, a First Lego League é
un concurso dirixido “a espertar entre a xente nova a curiosidade e
o interese pola ciencia, a tecnoloxía e o traballo en equipo”. Nel
establécense dúas categorías de participación, de 6 a 9 anos, e
outra de 10 a 16 anos. Os maiores entrarán en fase de concurso co
deseño, construción e programación dun robot feito coas pezas de
Lego que deberá superar unha serie de probas nun circuíto idéntico
para todos os equipos participantes. Ademais deberán realizar un
proxecto científico.
O
desafío para esta segunda edición (a
primeira organizouse o pasado curso no Campus de Ferrol), é o
Trash Trek, e que segundo informa a organización e reflicte a
UDC consiste en achegar solucións para mellorar a xestión dos
refugallos. O equipo gañador do torneo representará a Galicia no
campionato estatal que este ano celébrase durante os días 12 e 13
de marzo, en Girona. “A valoración”, engade a UDC, “terá en
conta tanto a consecución dos obxectivos propostos como a
creatividade demostrada, a presentación das solucións desenvolvidas
e a posta en práctica dos valores perseguidos na FLL”.
Amais do
devandito e de maneira complementaria e paralela á competición,
desenvolverase a liga First Lego League Junior, para rapaces e
rapazas de 6 a 9 anos, co propósito de alimentar a súa curiosidade
científica “e achegalos dunha forma divertida ao mundo da ciencia,
a tecnoloxía, as matemáticas e a enxeñería, sen o carácter
competitivo da FLL dos maiores”.