A FIC acolle esta semana unha xuntanza internacional sobre aplicacións TIC da lingüística

luns, 5 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Participantes da edición 2011 desta xuntanza internacional de TICs e lingüística coñecida como LATA

A Facultade de Informática da Coruña, FIC, acolle ao longo desta semana a sexta edición dun encontro internacional sobre aplicacións informáticas da lingüística, un eido de actividade no que as empresas galegas están a pisar ben forte, non hai máis que ver as achegas recentes de firmas como Imaxin ou Galapps, e que pode ter aínda máis desenvolvemento e extensión cara ao exterior. A International Conference on Language and Automata Theory and Applications (LATA 2012), así se fai chamar a xuntanza, celébrase por vez primeira na nosa terra e trátase, segundo informa a UDC, dun evento científico anual de grande relevancia no que se presentan traballos científicos no eido da informática teórica e as súas aplicacións de vinte países.
Detrás da organización desta convocatoria galega de LATA atópanse o Grupo de Investigación en Lingua e Sociedade da Información (LYS) da UDC e máis o Research Group on Mathematical Linguistics - GRLMC da University Rovira i Virgili de Tarragona.
O grupo LYS, cóntanos a Universidade da Coruña, é un equipo de investigación interdisciplinar adscrito ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC, no que traballan profesores e investigadores das áreas de Lingüística Xeral e de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial das Facultades de Filoloxía e Informática. As súas investigacións principais céntranse na Lingüística Computacional, Procesamento da Linguaxe Natural e Enxeñaría da Lingua, para o desenvolvemento de recursos para as Tecnoloxías Lingüísticas.

PUBLICIDADE