A FCC aproba a comercialización do E-ten Glofiish X800

mércores, 1 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Un novo e impresionante móbil podería chegar ó mercado nas vindeiras semanas xa que vén de acadar a aprobación da FCC norteamericana, de xeito que o E-ten Glofiish X800 podería ser unha alternativa moi atractiva ó iPhone, xa que non só inclúe unha pantalla táctil de 2,8 polgadas e unha resolución de 640 x 480 píxeles, senón que tamén destaca por contar con conectividade HSDPA, UTMS, GMS cuatribanda, EDGE, Bluetooth 2.0 e Wi-Fi (IEEE 802.11b/g), integrar un módulo GPS, contar cunha cámara de 2 Mpíxeles para fotografías e unha de 0,3 Mpíxeles para videochamadas.
O E-Ten Glofiish X800 ten no seu corazón un procesador Samsung SC3 2442 a 500 MHz, 256 Mb de Flash ROM e 64 Mb de SDRAM, funciona co novo sistema operativo Windows Mobile 6 Professional, mide 111,5 x 60,5 x 15,8 mm e pesa 139 gramos.
Temos así un terminal que parece superar en case tódolos ámbitos o iPhone, aínda que non conte coa atractiva interface multitáctil do móbil de Apple. Queda por ver se o seu prezo de comercialización é o suficientemente atractivo como para roubarlle unha parte do mercado.

PUBLICIDADE