A EGAP acolle un curso sobre a protección de patentes

luns, 7 de outubro do 2019 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde a primeira das sesións do curso superior sobre Dereito de patentes que durante as vindeiras semanas cursarán 34 persoas para obter coñecementos específicos sobre esta materia.
Durante o acto de inauguración, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, quixo destacar a importancia dunha formación especializada neste eido, xa que, segundo as súas palabras «o Dereito de patentes é básico para que as empresas e as institucións poidan transformar as súas ideas en beneficios, incrementando o seu prestixio á vez que contribúen ao avance da ciencia e da tecnoloxía». Ademais, incidiu en que a protección das actividades creativas e relacionadas coa innovación constitúen un factor fundamental para o crecemento da economía e a creación de emprego.
Finalmente, resaltou o valor engadido que supón para a EGAP volver convocar unha nova edición deste curso por mor dos cambios lexislativos existentes nesta disciplina tras os cambios introducidos pola Lei de patentes aprobada no ano 2015.
Entre os obxectivos desta actividade formativa están ofrecer coñecementos específicos sobre a protección das invencións a través do dereito de patentes e dos modelos de utilidade, permitir coñecer cales son os instrumentos xurídicos para defender un dereito de patente e identificar as actividades que se poden prohibir. Así mesmo, amosará os mecanismos xurídicos existentes para determinar quen é o lexítimo titular dunha patente e, de ser o caso, en que circunstancias se pode ceder ou licenciar o seu uso a terceiros.

PUBLICIDADE