A Deputación e o Concello de Lugo participan na estrea da nova sede da UNED, referencia en dotación TIC

luns, 20 de novembro do 2017 Redacción

Este luns inaugurouse en Lugo a nova sede da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), un inmóbel destinado a ser un referente tecnolóxico por múltiples e variados motivos, pero, principalmente, pola avanzada dotación TIC da que fai gala, e tamén, porque a previsión é que unha parte importante do programa formativo que da sede lucense abrolle estea integrada por cursos e seminarios ligados ao eido tecnolóxico-dixital. As dependencias foron inauguradas polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López e o reitor da UNED, Alejandro Tiana. A nova sede, emprazada no antigo Hotel Miño, foi financiada pola entidade provincial con dous millóns de euros. Tanto o Concello como a Deputación como a propia UNED coincidiron na importancia de converter o inmóbel “no centro de referencia da Universidade no noroeste de España”.
No acto, amais da “botadura” da nova andaina do edificio, tamén se inaugurou o curso académico 2017-2018, para o que xa están matriculados preto de 2.000 lucenses, que lles tirarán proveito ás novas instalacións. Ademais, o presidente e a alcaldesa entregaron os diplomas a 30 dos 111 novos graduados pola UNED de Lugo.
Segundo fixo saber o presidente da Deputación, o edificio remodelado conta cun amplo número de aulas para titorías presenciais, cun salón de actos de gran capacidade para levar a cabo eventos como congresos ou simposios (dispoñíbel para entidades públicas e privadas); e cunha biblioteca e dun aparcamento propios e accesíbeis para todos os lucenses.
O presidente e a alcaldesa, ademais, supervisaron as derradeiras actuacións levadas a cabo no antigo Hotel Miño co remate dos traballos de dotación de aparcadoiro e zonas axardinadas, unhas obras que contaron cun orzamento de 215.000 euros.
Segundo fixeron saber, converter o Hotel Miño na nova sede da UNED en Lugo implicará unha serie de vantaxes a ter en conta, entre as que se inclúen económicas (“aforraranse os 105.000 euros anuais que actualmente se desembolsan no aluguer do edificio Forcam, propiedade da Cámara de Comercio, para as clases”) e espaciais (“gañarase espazo para acoller ós alumnos en constante aumento, xa que a UNED luguesa incrementou nun 15% o número de matriculados no 2013 con respecto ó ano pasado, acadando os 2.212).
Respecto da dotación tecnolóxica, o centro conectarase a Rede Iris (10 GB), o que permitirá, segundo se fixo saber, “poñer contidos dixitais audiovisuais de alta calidade na Rede”. Ademais, tanto o salón de actos como a aula de extensión universitaria achegarán a posibilidade de levar a cabo eventos que poderán ser emitidos por streaming de mellor calidade, ata agora limitados pola insuficiente capacidade de INTECCA.
Por outra banda, a Deputación, o Concello e a UNED sinalaron que dende a nova sede potenciarase, tanto cualitativa como cuantitativamente, o proxecto Cultura Dixital, ao servizo das asociacións culturais da provincia (coa idea de ampliar estes servizos ao resto de Galicia así como ao Norte de Portugal).
A maiores, dende as novas dependencias poderanse abordar novos programas de formación para entidades públicas e privadas tanto no nivel de Galicia como para o resto de España.
Por último, o centro creará un repositorio propio de contidos dixitais audiovisuais ao servizo da comunidade universitaria e tamén da cidadanía en xeral.

PUBLICIDADE