A Deputación de Pontevedra e Regalamúsica reivindican na Rede as mulleres do sector musical

venres, 5 de marzo do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de impulsar unha nova páxina web para conmemorar o 8-M, Día Internacional da Muller. Trátase de Descúbre-as, o proxecto que Regalamúsica está a levar a cabo da man da entidade provincial que preside Carmela Silva e co obxectivo de mostrar ante o mundo as mozas e mulleres da nosa música e rachar “coas discriminacións que tamén sofren neste ámbito”. En palabras de Silva, trátase do primeiro directorio de mulleres da industria musical en Galicia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, e a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, presentaron este venres 5 de marzo este novo sitio web galego feminino e feminista, “un mapa creativo que xurde da necesidade de reivindicar ás mulleres na industria musical e o seu papel na mesma”.
O directorio persegue varios obxectivos entre os que destacan a visualización das profesionais e o fomento das redes colaborativas. Ademais, quérese que a cidadanía en xeral tamén coñeza o traballo destas mulleres e “que non caian en estereotipos”. Así, Descúbre-as pon á disposición de empresas, asociacións ou institucións públicas e privadas unha longa lista de mulleres que traballan na industria. Neste senso, a presidenta informou de que a Deputación de Pontevedra enviou unha carta a todos os concellos da provincia para que teñan en conta este directorio e contacten coas artistas que participan en Descúbre-as para as súas programacións.
Como dixemos, a web intégrase na programación do 8-M da Deputación e neste mes de marzo celebrará Conversa e descubre, un ciclo de charlas nas que profesionais e artistas contarán as súas experiencias e traballos dentro da música. As charlas arrancarán o día 20 cunha sesión na que participarán Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (voz en Agoraphobia), Patricia Hermida (mánager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna). A semana seguinte, o día 26, terá lugar un concerto e a presentación dun vídeo colaborativo no que mozas da provincia interpretarán Matriarcas, de Gaudí Galego, “unha das grandes mulleres da música galega”.

PUBLICIDADE