A Deputación de Pontevedra inaugura os Centros Provinciais de Asesoramento Empresarial 2.0 de Lalín e Ponteareas

sábado, 15 de marzo do 2014 Redacción

A Deputación de Pontevedra presenta hoxe as funcionalidades e vantaxes do seu Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 e dos seus diferentes emprazamentos na provincia. A cita foi unha cita dupla: por unha banda a posta en marcha oficial do Punto CPAE 2.0 de Lalín (Polígono Lalín 2000) e, pola outra, levouse a cabo un acto análogo en Ponteareas ao fío do mediodía, igualmente no Punto CPAE de seu (Centro de Desenvolvemento Local). A primeira cita contou coa presenza de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, quen abriu a súa intervención facendo fincapé no gran cometido desta iniciativa 2.0 do organismo provincial: achegar puntos especializados en asesoramento e capacitación en novas tecnoloxías da información para os autónomos e as microPEME das diferentes comarcas de Pontevedra. Acompañaron a Louzán o director de Novas Tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, e o alcalde da vila, José Crespo. No caso de Ponteareas, os encargados de inaugurar a sede local do CPAE 2.0 foron a deputada provincial Marta Iglesias, o xefe de proxecto José Antonio Piñeiro e o rexedor Salvador González Solla.

JPEG - 139.7 KB
Inauguración da sede do CPAE 2.0 en Ponteareas

No caso do centro de Lalín, o que se pretende é fornecer formación e apoio para as empresas das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, e no caso de Ponteareas o obxectivo é subministrar un eixe de información e asesoramento continuo para o tecido produtivo do Condado e A Paradanta.
Durante a presentación, Louzán lembrou que o obxectivo da rede de Centros Provinciais de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) significa un novo paso do uso das TIC para todo o ámbito da provincia, centrándose especialmente no ámbito dos traballadores por conta propia e as empresas miúdas. Segundo fixo saber a Deputación nas presentacións de Lalín e Ponteareas, estamos ante “un colectivo moi castigado pola crise que precisa unha mellora competitiva que á súa vez precisa un importante labor de innovación nos seus produtos e servizos”. Deste xeito, engadiu, cumpría pór en marcha medidas concretas para permitir o afianzamento das TIC no seu seo, e é aí onde entra en xogo a mencionada rede de Centros Provinciais de Asesoramento Empresarial, impulsada en 2011 polo dende o Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra.

JPEG - 249.7 KB
Exterior da nova instalación en Ponteareas

O obxectivo, como dixemos, é promover o uso eficiente das TIC por parte dos autónomos e microPEME da provincia e achegar de xeito personalizado información, asesoramento, capacitación e apoio no eido das TIC “como ferramenta de mellora da produtividade e competitividade, realizando accións de acompañamento tecnolóxico a través de distintas canles (presencial, Internet, telefónica)”. Tamén se trata de poñer a disposición das empresas un conxunto de recursos que lles faciliten unha mellor utilización dos servizos tecnolóxicos así como fomentar o traballo en rede entre os axentes do territorio: emprendedores, empresas, asociacións empresariais, axentes de desenvolvemento local, empresas TIC. O CPAE 2.0 contempla no seu alcance o despregue dunha rede de asesores e oficinas comarcais ó longo de toda a provincia de Pontevedra, despregue do que forman parte as dependencias devanditas de Lalín e Ponteareas.

PUBLICIDADE