A Deputación de Ourense, no comité técnico da Rede de Cidades Intelixentes

venres, 4 de outubro do 2019 Redacción

A Deputación de Ourense participou onte en Valencia no Comité técnico da Rede Española de Cidades Intelixentes, un cumio de innovación e sustentabilidade destinado a intercambiar achados e sumar forzas para acadar melloras locais en xestión, comunicación, eAdministración e transparencia, entre outros moitos parámetros. Na cita estivo presente o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Fernando Suárez, expoñendo Hay un Ourense para ti. Descúbrelo, unha iniciativa de turismo intelixente que conta cun orzamento de tres millóns de euros e que vai ser desenvolvida pola Deputación e máis pola entidade público-empresarial Red.es.
O sistema abrangue unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para a monitoraxe de de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.
Entre outras cousas, Hai un Ourense para ti permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Suárez salientou “o protagonismo da Deputación de Ourense”, que participou neste encontro onde se expuxeron boas prácticas nos eidos dos destinos turísticos intelixentes, enerxía, medio ambiente, habitabilidade, infraestruturas, mobilidade urbana e economía, entre outros.

PUBLICIDADE