A Deputación de Ourense impulsará a dixitalización dos servizos sociais municipais

martes, 28 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A Deputación de Ourense impulsará e co-financiará a dixitalización dos servizos sociais municipais a través dunha liña de axudas para os concellos, que será posta a disposición dos municipios nas vindeiras semanas e que terá co primeiro obxectivo o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Este novo programa de cooperación provincial busca que as administracións locais poidan realizar unha importante transformación na forma de proporcionar os seus servizos, constituíndo un salto cualitativo e cuantitativo con repercusión positiva na cidadanía e propiciando melloras entre as que estará a redución das lista de espera municipais.
Manuel Baltar define estas axudas como "un paso máis na transformación da provincia, entendendo a dixitalización das administracións locais como un piar do desenvolvemento do territorio". O presidente provincial salienta tamén que “esta iniciativa mostra a labor da Deputación, como concello dos concellos, traballando sempre a carón das administracións locais desde a perspectiva de colaboración absoluta", salienta o presidente provincial”.
O primeiro ámbito no que a Deputación de Ourense quere impulsar a dixitalización é no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un dos principais programas sociais xestionado polas administracións locais o cal permite que en miles de fogares da provincia se axude ás persoas maiores e/ou dependentes a realizar as súas actividades diarias. A prestación do SAF ten un custo anual duns 20 millóns de euros, dos que en torno a 15 millóns son aportados pola administración estatal, autonómica e provincial, aos que se lle suma o co-financiamento de cada municipio e o co-pago dos beneficiarios.
Desde a administración provincial tense observado durante os últimos anos que o avance na dixitalización dos procedementos administrativos e da xestión diaria do Servizo de Axuda no Fogar é moi dispar entre concellos. A maioría de administracións locais non dispoñen de ningún soporte e demandan ferramentas de mellora, importantes para os profesionais pero, sobre todo, para a cidadanía.

PUBLICIDADE