A Deputación de Lugo introduce novidades tecnolóxicas no seu servizo de teleasistencia no fogar

venres, 11 de outubro do 2019 Redacción

A xunta de Goberno da Deputación da Lugo aprobou hoxe abrir o procedemento para contratar o servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece de balde a entidade provincial á veciñanza de 67 concellos. O novo contrato suporá un investimento de 750.000 euros e terá unha duración de dous anos. Implica o incremento de número de prazas ofertas nun 13%, até chegar ás 1.795. Tamén implica a posta en xogo das máis avanzadas tecnoloxías de seguimento, control e comunicación. Estes e outros datos foron achegados pola voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.
Segundo fixo saber, o novo prego contempla cousas diversas o fornecemento gratuíto de unidades de control remoto adicionais; de 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes, de movemento e de presencia), incluíndo a súa instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; e de 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitoraxe, que permitan a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria. Tamén están incluídos aparellos que faciliten o uso do servizo a persoas con dificultades de comunicación verbal ou auditiva (dispositivos móbiles con software específico que posibiliten á persoa usuaria activar unha alerta no centro de atención de forma sinxela). Todas estas melloras non estaban contempladas no contrato do 2013.
A voceira provincial socialista subliñou que o servizo de teleasistencia é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con dificultades na súa autonomía, favorecendo “a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste servizo, sobre todo dos que viven no rural”. Grazas a esta iniciativa, dixo “os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia”, indicou.

PUBLICIDADE