A Deputación de Lugo encherá as redes sociais con historias de mulleres

xoves, 4 de marzo do 2021 Redacción

A Deputación de Lugo lanzará nas redes sociais unha campaña audiovisual de sensibilización, visualización e reivindicación do papel da muller no mundo laboral con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Así o informou este xoves 4 a deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, que avanzou que “este ano a institución provincial centrará a súa programación nos medios dixitais e prolongará as actividades ao longo de todo o mes”.
A campaña consistirá na difusión de pequenas reportaxes elaboradas polo Servizo de Audiovisuais (antiga Fundación TIC da Deputación) onde se contará a historia e vivencias persoais de mulleres en primeira persoa que residen na provincia e traballan en profesións diversas. “Coñeceranse diferentes ópticas, diferentes roles e experiencias co obxectivo de dar a coñecer as situacións de desigualdade que se dan no día a día e, á vez, poñer en valor os numerosos logros diarios que consegue cada unha delas nas múltiples tarefas que asumen a maiores da súa profesión”, explicou a deputada.
Centros de maiores
Nos Centros de Atención a Maiores da entidade provincial desenvolverase un conxunto de actividades baixo o lema Compañeiras de vida, co obxectivo de poñer en valor o traballo feito polas mulleres, tanto no ámbito dos coidados como na súa actividade profesional como pioneiras no seu campo.
En cada unha das cinco residencias provinciais (Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde) farán unha exposición propia con fotografías onde se amosa un cambio de roles: mulleres que desenvolven tarefas asignadas socialmente aos homes e viceversa.
Amais cada centro está a traballar en actividades e accións concretas como relatorios, cinema, conversas e debates adaptados á realidade de cada unha das residencias.

PUBLICIDADE