A Deputación de Lugo creará un Punto de Atención ao Emprendemento

venres, 4 de outubro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou hoxe a vindeira creación dun espazo de asesoramento a todas aquelas persoas que queiran dar corpo a un proxecto de mercado ou a unha iniciativa innovadora no marco da provincia. Estamos a falar do Punto de Atención ao Emprendemento, que dará cobertura informativa e facilitará, pola vía electrónica, os trámites en materia de apertura de negocios.
A iniciativa foi dada a coñecer polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que fixo saber que o PAE xorde da adhesión da entidade provincial a un convenio existente entre o Goberno estatal e a FEMP. Segundo engadiu, a oficina permitirá que os trámites de alta nunha actividade empresarial sexan de balde para os emprendedores e emprendedoras, e poderán facerse nun tempo de 48 horas.
Esta iniciativa, dixo, “encádrase no compromiso da Deputación coa dinamización do tecido empresarial da provincia, co obxectivo de fortalecelo, diversificalo, mellorar a súa competitividade e crear emprego a través do apoio ao emprendemento”, subliñou Pablo Rivera, ademais de destacar que o PAE “complementa o xa amplo abano de servizos que a entidade está subministrar en materia de impulso do emprendemento e de creación de emprego”. Así, entre outras iniciativas, lembrou que a institución provincial ten en marcha a Axencia de Colocación, que busca “casar oferta e demanda de postos de traballo no menor tempo posíbel” e ofrece ademais “servizos de asesoramento a empresas e emprendedores, e orientación laboral”.
Misión dupla
Os PAE, engadiu Rivera, teñen unha misión dupla. Por unha banda, fornecen de servizos presenciais de información e asesoramento aos emprendedores na definición e tramitación telemática das súas iniciativas empresariais, así como durante os primeiros anos de actividade. Pola outra, facilitan o inicio do trámite administrativo de constitución da sociedade a través do DUE, o Documento Único Electrónico. Este punto será atendido por persoal técnico do servizo provincial de Promoción Económica e Emprego e do Centro de Atención ao Usuario (CAU).

PUBLICIDADE