A Deputación de Lugo aposta pola vía telemática para as súas sesións de Goberno e plenarias

luns, 18 de xaneiro do 2021 Redacción

Ante a preocupante situación sanitaria na nosa terra e á necesidade urxente de pór en marcha máis medidas extra de seguridade, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, decidiu celebrar vía telemática a xunta de Goberno, as comisións informativas e mailo pleno de xaneiro.
A decisión enmárcase no conxunto de medidas que o presidente decidiu adoptar, mesmo “por riba dos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”, para reforzar a prevención e a protección da saúde dos traballadores e traballadoras da institución provincial e da cidadanía ante o importante avance da pandemia
A Deputación de Lugo lembra que vén adoptando dende o inicio da pandemia todas as medidas preventivas necesarias ante a COVID-19, adaptadas “a cada momento da evolución da crise sanitaria”, segundo explicou a entidade provincial, que engade que algunhas das disposicións tiveron aínda “maior intensidade e rigor cás establecidas polas autoridades sanitarias, co fin de preservar a seguridade e a saúde dos seus empregados e empregadas, así como da cidadanía á que presta atención e servizos públicos, mantendo ao mesmo tempo o funcionamento da institución”.
Froito disto, a Deputación decidiu reforzar as medidas de prevención e protección que xa tiña en vigor, ampliando ao conxunto do funcionariado o traballo non presencial, en todos os casos nos que esta modalidade sexa posíbel, “para reducir ao mínimo imprescindíbel a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias provinciais entre hoxe, día 18, e o 31 de xaneiro”.

PUBLICIDADE