A Deputación de Lugo apoia a dixitalización de fondos para o arquivo oral do Museo do Pobo Galego

luns, 26 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo quere pór todo da súa parte para apoiar a cultura galega e, tamén para levar a cultura a todos os recantos dixitais. Proba diso é o labor de cobertura tecnolóxica que está a achegar a entidade provincial ao Museo do Pobo Galego, un labor do que informamos en Código Cero en decembro do ano pasado e que vén de coller novos azos cun convenio de colaboración asinado formalmente hoxe. O acordo foi formalizado polo voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González.
Segundo fixeron saber, en virtude desta alianza, o Executivo provincial colaborará con 15.000 euros para os gastos de desenvolvemento ordinario das actividades do museo en todos os seus servizos, así como para o proxecto de dixitalización e estudo de fondos para o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Beramendi explicou que este arquivo é un fondo documental e dixital sobre música tradicional galega, festas e celebracións populares, entrevistas e outros documentos audiovisuais, así como un gran número de datos etnoculturais, que ten como obxectivo “promover e impulsar o noso patrimonio inmaterial e cultural”, ao tempo que se poida empregar como un recurso didáctico.
Santos Ramos explicou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego para facer posíbel o labor desta entidade e permite a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos”. Segundo engadiu, este compromiso da Deputación xorde do convencemento do equipo de Goberno sobre “a necesidade de que as administración públicas se impliquen no estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo”.
Santos e Beramendi fixeron saber que todos os arquivos da base de datos do APOI son cedidos polos autores que asinan os seus traballos, sendo publicamente recoñecidos e respectando o seus dereitos. O proceso de dixitalización e catalogación de todo este material poderá ser empregado e consultado en http://apoi.museodopobo.gal.

PUBLICIDADE