A Deputación de Lugo activa a app Lugo Cambia 360 para viaxarmos pola provincia sen movernos da casa

luns, 30 de marzo do 2020 S. P.

Co fin de paliar a situación de confinamento e ampliar o abano de alternativas tecnolóxicas dispoñíbeis nos nosos fogares, a Deputación de Lugo vén de activar para Android e iOS a aplicación móbil Lugo Cambia 360, unha ferramenta que a través da Realidade Aumentada permite facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo e dende calquera recanto no que nos atopemos. A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “nestes momentos que nos toca estar na casa é unha opción moi axeitada para viaxar a calquera dos catro xeodestinos da provincia dende os nosos fogares”.
García Porto engade que é unha ferramenta que nos permite ampliar o noso coñecemento a distancia dos grandes enclaves lucenses de importancia paisaxística, cultural, arquitectónica e medioambiental, abrindo xanelas virtuais de experiencias enriquecedoras a monumentos e paraxes como os Escolapios de Monforte de Lemos, o miradoiro de San Roque en Viveiro ou a Catedral de Lugo dende o alto da Muralla.
Para tirar partido da aplicación, só debemos apuntar coa cámara do noso dispositivo ao chan do lugar no que nos atopemos e decontado trasladarémonos virtualmente ao lugar elixido da provincia de Lugo. Durante esta experiencia, miremos cara a onde miremos, estaremos nesa contorna elixida na app.
“Con esta ferramenta tecnolóxica calquera persoa nos pode visitar e facer unha primeira toma de contacto e, despois, unha vez remate o período de confinamento, planificar unha viaxe para descubrir eses lugares aos que se achegou previamente grazas á aplicación”, subliña García Porto.
Impulso ao turismo en tempos de COVID-19
O impulso do turismo é unha das “grandes apostas” da Deputación de Lugo “e máis agora porque é un dos sectores máis afectados pola crise do coronavirus”, explica a deputada, engadindo que nos orzamentos do 2020 a institución provincial destina 2,4 millóns de euros a promoción do territorio co obxectivo de continuar dinamizando o sector. “Esta iniciativa reforza o turismo de experiencias e favorece a posta en valor e promoción do inmenso patrimonio cultural e natural da provincia de Lugo”, dixo.

PUBLICIDADE