A Deputación de Lugo acode a FITUR poñendo o foco na gastronomía, a riqueza natural e as tecnoloxías

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo atópase a pleno rendemento na feira madrileña FITUR, referente do turismo estatal e internacional. Ao salón acudiron o presidente da institución, José Tomé, e a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que participaron este mércores na presentación da nova entrega (a número 13) da guía turístico gastronómica E para comer Lugo, elaborada pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL). No acto, Tomé lembrou que é fundamental “o traballo en común” entre administracións e sector “para aproveitar todo o potencial turístico da nosa provincia e crear así riqueza e emprego”. E engadiu: “Só cunha mesma directriz, actuando con unidade de acción, poderemos potenciar unha industria tan competitiva”. Amais da guía e outros servizos e recursos, a Deputación de Lugo está a mostrar en FITUR os detalles das súas tecnoloxías turísticas.
A presenza activa no acto de presentación de E para Comer Lugo formou parte da completa axenda que mantiveron este mércores 22 de xaneiro en FITUR o presidente e a deputada de Turismo, que incluíu a asistencia a outras citas, como a presentación da Rede Galega de Reservas da Biosfera, da que forma parte a Deputación como xestora das reservas de Terras do Miño e Ancares; e a da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, na que o organismo provincial xoga un papel fundamental dende que no 2011 impulsou unha campaña institucional e social en favor do recoñecemento deste enclave como Ben Mundial pola UNESCO.
Así mesmo, José Tomé e Pilar García Porto asistiron á presentación Camiño ao Xacobeo 2021, no marco da súa aposta por que a provincia teña un papel central de cara ao vindeiro Ano Santo e poida aproveitar todo o potencial que representa o turismo vinculado ás rutas xacobeas, con máis de 800 quilómetros ao longo de todo o territorio lucense.
Tamén estiveron tamén presentes na presentación da campaña de promoción turística en FITUR da Deputación da Coruña e na da Semana Verde, ademais de manter ao longo desta primeira xornada na Feira Internacional de Turismo diversos contactos con representantes de empresas e medios de comunicación vinculados coa actividade turística.
Aplicacións
Como dixemos, a institución provincial centra este ano a súa presencia en FITUR no impulso do turismo a través das novas tecnoloxías. Este xoves, ás 11.30 horas, no stand de Galicia, o presidente presentará dúas novas aplicacións gratuítas para dispositivos móbiles, que buscan atraer máis visitantes e mellorar a súa experiencia de viaxe na provincia.
A posta en longo das apps estará moderada polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia. Tamén participarán as alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
A deputada de Turismo avanzounos que o obxectivo da campaña Lugo, ¡ven!, integrada na marca Lugo Cambia, é mellorar a experiencia do visitante: “Queremos que quen recale na provincia de Lugo garde un recordo agradábel da súa estadía, que a viva intensamente e planifique a súa viaxe do mellor xeito posíbel”.
Co obxectivo de lograr o devandito, a Deputación presentará a aplicación móbil de balde Inventrip, que inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un conxunto de información que permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición”, explicou a entidade provincial.
A outra ferramenta tecnolóxica que a Deputación presentará en FITUR é Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través das técnicas máis avanzadas de Realidade Aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. Esta ferramenta achega aos usuarios unha contorna virtual que lles permite visitar de xeito envolvente e innovador calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co “fin de motivalos a que fagan unha visita real”.


PUBLICIDADE