A Deputación da Coruña vai combater as adicións dixitais na adolescencia

mércores, 18 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña está a fortalecer a súa liña de actividade contra as condutas aditivas na adolescencia, condutoras que abranguen hábitos relacionados co consumo de drogas pero tamén co uso sen medida e control das novas tecnoloxías da información e servizos dixitais, incluídos os móbiles, os xogos en liña, os servizos de mensaxes instantáneas e as redes sociais. Segundo fixeron saber hoxe as responsábeis da área de Benestar Social, Educación e Igualdade, co fin de atallar os devanditos malos hábitos entre a mocidade vén de coller forma un novo programa de prevención de adiccións a desenvolver nas dezaoito comarcas da provincia da Coruña. Dirixirase sobre todo a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. Preséntase baixo o epígrafe #Zeroadicións e terá, como xa se indica no seu nome, notábel presenza nas redes sociais.
Na cita de hoxe ante os medios participou a deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, quen sinalou que o programa está concibido para actuar simultaneamente “nos eidos social, familiar e educativo”, e sempre “por medio da sensibilización e da educación”. Tamén dixo que a iniciativa responde a unha realidade que está fóra de toda dúbida: o medre das condutas aditivas na sociedade actual, moitas delas alentadas polo espallamento de novas drogas ou, tamén, por un acceso sen control a novas tecnoloxías e servizos dixitais.
Dotado cun orzamento de 50.000 euros o programa de prevención de adiccións da Deputación da Coruña será desenvolvido pola empresa Agalure, quen estruturou o seu plan de acción arredor de tres eixos principais, como son os ámbitos familiar, social e educativo.
A técnica da área de Acción Social da Deputación da Coruña, Paula Filgueiras, anunciou que durante os vindeiros meses “os 18 concellos cabeceira de provincia acollerán un conxunto de actividades formativas e informativas, que se ben están deseñadas dun xeito especifico para as mozas e mozas que se atopan nos tramos de idade onde prevalecen os inicios ás adiccións”, entre os 12 e os 18 anos, tamén ten como obxectivo “apoiar ás unidades familiares e máis a comunidade educativa, coa dotación das ferramentas precisas para atallar as condutas aditivas”.
Pola súa parte, a coordinadora do programa #Zeroadicións, Ana Seco, explicou que dende a mesma xornada de hoxe comezarase a establecer contacto cos diferentes concellos da provincia para fixar as datas de celebración dos obradoiros, charlas, xornadas e outras accións de reforzo social que terán como finalidade “identificar condutas de risco e posibles adiccións entre os rapaces e rapazas, fomentar o bo uso da novas tecnoloxías e as redes sociais e promover hábitos saudábeis entre os máis novos”.

PUBLICIDADE