A Deputación da Coruña publicará na Rede os microrrelatos gañadores de #HoxeEscriboEn 2024
xoves, 8 de agosto do 2024
A Deputación da Coruña, a través da Biblioteca Provincial e a Área de Turismo, activou esta semana unha nova edición de #HoxeEscriboEn, o concurso de relatos da institución provincial destinado a reivindicar os concellos da provincia como destinos turísticos de primeira orde ao tempo que se estimula o talento creativo literario da cidadanía e dos visitantes. Outro dos obxectivos é reivindicar o patrimonio e o turismo de proximidade.
A proposta ofrece a posibilidade a todas as persoas maiores de idade de presentar microrrelatos ambientados nun dos 93 municipios da provincia da Coruña e, así, optar a algún dos premios de estadías rurais ofrecidas. Os microrrelatos gañadores serán publicados na web da Biblioteca e nas redes sociais.
As composicións literarias poden estar escritas en galego ou en castelán, pero deben ser inéditas e non ter sido presentadas en ningún outro concurso. Ademais, o texto non poderá superar a extensión de 500 palabras, deberá estar escrito a dobre espazo con letra Times New Roman tamaño 12 e presentado en DIN-A4 e unha soa cara.
A Deputación sinala que “e obrigatorio que a temática dos relatos de #HoxeEscriboEn estea ambientada en algún dos concellos da provincia, aínda que non é obrigatorio que o autor ou autora resida nel”. Poderán estar relacionados coa historia local, as lendas propias, as tradicións do pobo, persoeiros destacados, valores positivos do municipio ou a súa riqueza cultural ou medioambiental. “É dicir, trátase de resaltar calquera aspecto destacábel do patrimonio da localidade”, explícase nas bases.
Lugar e prazo de presentación
O prazo de presentación remata o sábado 31 de agosto. Dita presentación pódese facer a través do formulario habilitado na web da Biblioteca da Deputación da Coruña. Cada persoa poderá participar cantas veces queira, cumprimentando un formulario por cada unha das participacións. Ademais, as dúbidas do concurso pódense solucionar contactando con biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981080176.
Premios
Os premios consistirán en paquetes turísticos. O primeiro ofrece unha estadía para dúas persoas dunha noite, con almorzo e cea incluídos, nun establecemento tipo cabanas rurais da provincia da Coruña. O segundo premio consistirá nunha estadía para dúas persoas dunha noite, con almorzo incluído, nun establecemento rural da provincia da Coruña. O terceiro premio consistirá nun xantar ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña. Ademais, entre os participantes, sortearanse varios lotes de produtos da provincia.
As persoas que resulten galardoadas recibirán a comunicación por teléfono ou correo electrónico e publicaranse nas redes sociais e na web da biblioteca no mes de setembro.