A Deputación da Coruña forma ás entidades deportivas en redes sociais

mércores, 7 de abril do 2021 Pedro Pérez

A tecnoloxía e a dixitalización avanza e espállase cada vez en máis ámbitos, como é o caso do deporte. Así, a Deputación da Coruña vén de lanzar un programa de formación a clubs e entidades deportivas no uso das redes sociais como plataforma para aumentar a súa visibilidade e fomentar a práctica do deporte.
A iniciativa comporase dun total de sete cursos de 6 horas de duración, distribuídos nas distintas comarcas da provincia e cun máximo de 50 participantes por curso. A primeira xornada xa ten data fixada, e terá lugar os días 6,7 e 8 de maio, os xoves e venres en horario de 18:00 a 20:00 horas, así como os sábados, de 11:00 a 13:00 horas.
O obxectivo é que os responsables de comunicación das entidades deportivas melloren as súas competencias no eido da análise dixital, aproveitando o gran potencial das redes sociais nos tempos que corren.
A xestión de forma efectiva das redes sociais, ferramentas para un mellor posicionamento nos buscadores ou como emitir en directo son só uns poucos dos contidos que se impartirán nun programa que “ busca o fomento da creación dunha gran comunidade entre as organizacións deportivas da provincia”
Tódolos participantes poderán inscribirse aos cursos de forma gratuíta a través do Rexistro da entidade provincial ou a través da sede electrónica.

PUBLICIDADE