A Deputación da Coruña e a UDC levarán aos concellos coñecemento avanzado en protección de datos

venres, 3 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación e a Universidade da Coruña veñen de xuntar forzas para garantir que os concellos apliquen as mellores prácticas en relación á seguridade informática. O presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinaron este venres un convenio para formar persoal das administracións en materia de protección de datos, sentando os alicerces dun curso de posgrao sobre cumprimento legal e privacidade.
A Deputación achega 18.960 euros para financiar a matrícula de doce persoas seleccionadas entre o persoal dos concellos da provincia e da propia Deputación.
Respecto dos porqués da posta en marcha desta iniciativa conxunta, responden basicamente á necesidade de xestionar cada vez máis información e, de entre esta, máis información persoal de cidadáns, empresas e entidades. “O Big Data e o tratamento automatizado de datos convertéronse nun dos principais activos das empresas e administracións, en consecuencia requírese dun manexo da información que se desenvolva conforme ás esixencias legais”, explicaron, engadindo que “o curso de especialización en cumprimento legal e privacidade organizado pola facultade de Dereito da UDC ofrece unha completa e sólida formación en ambos os dous aspectos”.

PUBLICIDADE