A Deputación da Coruña e COGAMI loitarán contra o agravamento da fenda dixital entre os colectivos en risco

luns, 19 de xullo do 2021 Pedro Pérez

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, o sonense Anxo Queiruga, anunciaron unha nova colaboración entre ambas as dúas entidades. Deste xeito reforzan a súa aposta polo programa de inserción laboral, que o ano pasado facilitou emprego a 1.705 persoas con discapacidade en Galicia, 714 delas na provincia da Coruña.
Anxo Queiruga, agradeceu o apoio da Deputación para o desenvolvemento deste servizo que conta con 18.561 persoas inscritas, 8.064 delas da Coruña. Neste sentido, a Deputación continúa a reforzar o seu apoio ao programa a través dunha achega que incrementou no pasado mandato, pasando dos 60.000 aos 90.000 euros anuais. “Trátase dunha axuda fundamental para un colectivo con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral”, apuntou o presidente da Deputación da Coruña, engadindo que un dos obxectivos é poñer o foco nas novas tecnoloxías, tanto para mellorar a súa formación como para incrementar a súa empregabilidade.
Doutra banda, Anxo Queiruga aproveitou para lembrar que “as dificultades na inserción laboral das persoas con discapacidade estanse a agravar polas consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia”. Neste sentido, a iniciativa promove a inclusión laboral das persoas con discapacidade, que contan cunha taxa de paro que é de 10 puntos superior e, trala COVID-19, viron como como se agravaba a problemática da fenda dixital, xa que se incrementou a necesidade de estar (e traballar) en liña sen que este proceso viñera parello de grandes iniciativas que garantisen que o dito proceso fose global e non deixara a ninguén fóra.

PUBLICIDADE