A Deputación da Coruña achega 730.000 euros para implantar a eAdministración nos concellos pequenos

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña deu a coñecer hoxe unha importante partida de axudas aos concellos para contribuír á súa transformación cara ao dixital, o participativo, o interactivo, o áxil e o transparente. Trátase da liña de axudas PEL-Concello Dixital, que se inclúe no Plan de Emprego Local da Deputación e que segue o ronsel do proxecto de dixitalización interna que se está a desenvolver na entidade provincial e dos procesos análogos de transformación tecnolóxica iniciados nos concellos aos que presta servizo. En total, a contía para as axudas de PEL-Concello Dixital, dirixidas aos pequenos municipios coruñeses, é de 730.000 euros. O obxectivo: acadar nos concellos de menos de 20.000 habitantes (un total de 82) unha Administración Electrónica en todo o sentido do termo.
Segundo explicou hoxe o presidente da Deputación, Valentín González, era unha necesidade do Goberno provincial que representa dar resposta ás demandas tecnolóxicas dos concellos e contribuír ao cumprimento das responsabilidades que a Lei de Racionalización e Sustentabilidade Local (LRSAL) atribúe a esta institución no proceso de impulsar a transformación da Administración Electrónica a nivel municipal. En termos máis concretos, búscase “fomentar a innovación e mellora na calidade dos servizos públicos dos concellos, así como acadar meirandes transparencia, comodidade e accesibilidade para todas as persoas e entidades nas súas relacións diarias coa administración”.
Para a implantación de PEL-Concello Dixital a Deputación publicou unha licitación, a través do Servizo de Informática e Administración Electrónica da institución provincial. Esta contratación pública, sinalou a entidade, ten por finalidade a execución das actividades de asistencia e capacitación necesarias para a posta en marcha dos sistemas que permitirán a implantación da Administración Dixital nos concellos de menos de 20.000 habitantes (tanto os desenvolvidos pola Deputación como os xestionados pola Xunta de Galicia ou pola Administración estatal).
Todo o devandito implica (entre outras cousas) que os concellos coruñeses con menos recursos poderán contratar a técnicos expertos en eAdministración electrónica que servirán de nexo entre as novas tecnoloxías e a cidadanía, para que a transición cara a Sociedade da Información “sexa homoxénea en todo o territorio provincial”. O reto, sinalou Valentín González, é implantar “un novo modelo de goberno baseado nunha administración eficaz, transparente, sustentábel, innovadora e participativa, mediante o uso das TIC, mellorando a eficiencia na prestación dos servizos públicos”.
Aqueles licitadores interesados deberán presentar as súas ofertas antes do vindeiro 30 de novembro ás 23.59 horas a través da Plataforma de Contratación do Estado. O prazo de execución da iniciativa será de doce meses e o orzamento non deberá exceder os 730.150 euros.

PUBLICIDADE