A DJI Osmo Action 4 chega cun sensor de imaxe de grande tamaño

mércores, 2 de agosto do 2023 Marcus Fernández

DJI está a renovar a súa cámara de acción, que integra un sensor avanzado e unha maior calidade de imaxe, aínda que cun prezo bastante elevado (429 euros o pack estándar) que fai complicado que poida competir coas GoPro HERO11.
A DJI Osmo Action 4 chega cun potente sensor de imaxe de 1/1.3”, apertura f/2.8 e tamaño de píxel equivalente a 2,4 μm, capaz de gravar en 4K a 120 imaxes por segundo cun cambio de visión de 155 graos. Presume dunha grande estabilización e tamén conta cun modo de cor D-Log M de 10 bits para achegar unha grande riqueza de cor e un maior rango dinámico.
A súa batería permite gravar máis de 2,5 horas, precisando só de 18 minutos de carga para chegar ao 80% da capacidade da súa batería.
Tamén conta con control por voz e é compatible co popular DJI Mic mediante o porto USB-C (ao que tamén poden conectarse outros micrófonos externos mediante un cable de 3,5 mm a USB-C). Ten dispoñibles numerosos accesorios e packs que os inclúen, para facilitar a compra de todo o material preciso en función das nosas necesidade).
Estamos ante unha actualización que pode resultar polémica, xa que apenas inclúe melloras con respecto á Osmo Action 3, que ten un prezo de saída de 359 euros, resultando difícil xustificar unha diferenza de prezo tan elevada, especialmente se temos en conta que DJI está bastante lonxe de GoPro en conta de mercado deste tipo de produtos.

Vídeo de presentación da DJI Osmo Action 4