A Coruña xa conta con grupos de traballo arredor das narrativas populares e o vídeo-mapping
luns, 21 de xaneiro do 2019
- Un intre da sesión sobre narrativas populares
A
semana que vimos de deixar atrás celebráronse dúas novas sesións
(a segunda e a terceira) da nova edición do Laboratorio
Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) do Concello da
Coruña, logo
do encontro (o primeiro) Que
hai en Internet?,
desenvolvido en decembro. As citas das que estamos a falar
celebráronse o
18 de xaneiro, baixo o epígrafe epígrafe De que falamos cando
falamos de narrativas populares contemporáneas?, e máis o
19, centrándose na cuestión do vídeo-mapping.
A primeira xeira serviu para que crease o Grupo de Narrativas
Populares Contemporáneas (NPC). Na segunda déuselle forma ao Grupo
de Vídeo-Mapping.
A
cita do 18 centrouse na súa primeira parte en contextualizar o
significado das narrativas populares actuais e en amosar non só a
súa faciana máis divertida e popular, senón os seus usos a nivel
de comunicación, mesmo no ámbito político, e as dinámicas sociais
xeradas en torno a elas.
María
Yáñez, que é quen coordina o
equipo de traballo, fixo un
completo percorrido polas novas linguaxes e dinámicas “das que
todas e todos, dun modo ou outro, formamos parte”, dixo. Novas
linguaxes e dinámicas como memes,
viralidade, GIFs, fíos de Twitter, desafíos colectivos, chat
stories, conversas no Whatsapp,
etc.
As
vindeiras sesións deste grupo celebraranse os venres 1 e 15 de
febreiro e 1 e 15 de marzo, no Centro Ágora e en horario de 17h a
20h. A próxima, por exemplo, estará adicada aos novos xéneros
audiovisuais da Rede, e a do 15 de febreiro, que tratará sobre a
videocreación e a animación na Rede, contará coa participación
dos creadores dixitais Christian Flores e Anabel Lorente. Segundo
explicaron as responsábeis do colectivo,
este non está pechado, senón que fica aberto á participación de
toda aquela persoa que, malia que non participase nas primeiras
sesións, queira traballar e intercambiar coñecemento arredor das
narrativas populares.
Polo
que atinxe ao segundo dos grupos desta edición do #LAIC, o de
vídeo-mapping, está coordinado por Pablo Ferrer. Na cita do 19,
Ferrer fixo no Centro Ágora un completo percorrido pola historia da
devandita práctica tecnolóxico-creativa, “unha técnica que
comezou a desenvolverse hai décadas coas ferramentas tecnolóxicas
de cada momento e unha importante dose de imaxinación e innovación,
até chegar ao momento actual”, sinalou. Na xeira de traballo houbo
marxe para mostrar traballos de diferentes perfís feitos con esta
técnica: desde grandes espectáculos en exteriores até propostas en
interiores, de gran formato e en contextos máis pequenos como o
escaparatismo, ou propostas como o micro-mapping.
O
obxectivo do Grupo de Vídeo-Mapping do #LAIC é coñecer as técnicas
esenciais da disciplina, manexando o programa MadMapper 3 e
experimentando en proxectos por equipos as súas posibilidades. As
sesións deste colectivo de traballo serán os sábados 2 e 23 de
febreiro e 16 de marzo, en horario intensivo de mañá e tarde
(10h-14h/16h-20h), no Centro Ágora.