A Coruña inicia este martes a gravación ao vivo dun podcast sobre María Casares
venres, 1 de xullo do 2022
A
Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a colaborar
co Concello da Coruña na organización de diferentes actividades
para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e
“co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición
retrospectiva sobre a actriz que acolle o Kiosko Alfonso até o 24 de
xullo”. Parte destas actividades poñen o foco nas novas canles,
formatos e ferramentas de comunicación. Nesta liña, o vindeiro
martes 5 de xullo celebrarase a
primeira das tres sesións de gravación dun podcast biográfico
sobre María Casares.
Baixo
o título María Casares: Da Coruña a Residente privilexiada,
este ciclo de gravacións analizará polo miúdo a traxectoria da
actriz dende diferentes prismas grazas á condución de María Lopo,
que contará co acompañamento de lecturas dramatizadas coas que
diferentes intérpretes asociadas á AAAG lles darán voz a textos
escritos pola propia Casares. As tres sesións celebraranse no
auditorio do segundo andar do Kiosko Alfonso os martes 5, 12 e 19 de
xullo ás 19.00 horas e estarán abertas ao público. O acceso será
gratuíto até cubrir a capacidade do recinto.
A
sesión deste martes abordará os anos da nenez que Casares pasou na
súa Coruña natal e a visión de Galicia que conservou ao longo da
súa vida.
Nacida
en 1922, a filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales
viviu a nenez a medio camiño entre a casa familiar da Rúa Panaderas
e Montrove, onde pasou os veráns con longas xornadas na praia de
Bastiagueiro. As primeiras amizades, os espertares, as relacións
familiares coa cidade e a marcha en 1931 a Madrid serán algúns dos
aspectos tratados por Lopo, que nesta primeira sesión contará coas
lecturas da actriz Cora Velasco.
O
martes 12 de xullo será a quenda do exilio. O inicio da Guerra
Civil, a fuxida a Francia, a súa condición de refuxiada primeiro e
de residente privilexiada despois ou o seu regreso teatral frustrado (e frustrante) coa peza O adefesio, de Rafael Alberti, serán
algunhas das claves desta cita na que tamén intervirá a actriz
Rebeca Solla.
O
ciclo rematará o martes 19, cunha xornada dedicada á súa carreira
teatral. A gravación dese día porá o foco na prolífica
traxectoria da actriz na escena gala. A súa estrea en 1942 no Teatro
Les Mathurins, a súa pegada no histórico Festival de Avignon, os
seus anos na Comedia Francesa, o seu paso polo Teatro Nacional
Popular ou os seus traballos con autores como Albert Camus ou Jorge
Lavelli serán os fitos principais desta sesión na que participará,
xunto a Lopo, a actriz María Francelina.