A Cidade da Cultura acolleu a entrega dos premios Emprende Innova Comparte

luns, 14 de outubro do 2019 Redacción

O pasado 10 de outubro tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago a celebración da primeira edición en Galicia de Emprende Innova Comparte, un evento organizado por Acción Contra a Fame, en colaboración co Concello de Ames e outras institucións e empresas, como por exemplo a firma TIC de Milladoiro Tecalis. Ao longo da xornada organizáronse obradoiros, encontros e un concurso final que recoñeceu diversos proxectos innovadores. A dito evento asistiron 32 persoas, mentres que no concurso participaron 12 emprendedores/as.
A iniciativa #EmprendeInnovaComparte, incluída a súa edición galega, está dirixida a persoas que vivan en situación de desemprego e interesadas en emprender, así como a participantes do programa Vives Emprende Galicia 2019.
Durante a tarde desenvolveuse un concurso de ideas de negocio. As 12 persoas participantes enviaron previamente un plan de empresa que foi avaliado por un equipo técnico de Acción contra a Fame. Na cita do día 10 desenvolveuse a fase pitch, na que os participantes tiveron que presentar o seu proxecto durante o obradoiro da tarde. O xurado valorou a capacidade de comunicación e venda; a motivación e o entusiasmo; a claridade na exposición; que se abordasen os os puntos clave dun pitch de vendas; así como a orixinalidade e creatividade de cada un dos proxectos.
Para lograr este impulso, outorgáronse tres galardóns: premio Imaxe (creación e deseño do logotipo corporativo a cargo da empresa Conxenia Deseño Gráfico), premio Xestión (apoio á xestión administrativa e fiscal durante 6 meses a cargo da empresa +Suárez) e premio Mentorización (apoio durante 2 xornadas sobre desenvolvemento empresarial innovador e TIC a cargo da empresa Tecalis e asesoramento durante unha xornada de mercadotecnia online a cargo de Asubía Comunicación). As persoas galardoadas foron a amesá Lucía Nieto (premio Mentorización); Fabiola Álvarez, Manuel Pereiro e Fabián Álvarez (premio Xestión), e Maya Alsousli (premio Imaxe).

PUBLICIDADE