A Central de resevas en liña de Turgalicia deu un pulo ao turismo rural galego
luns, 6 de xuño do 2011
A Consellería de Cultura
e Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia,
Turgalicia, adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo, promoverá
ao longo da vindeira semana varias xuntanzas entre o operador Factor ocio e
as asociacións de empresarios de Turismo Rural de Galicia, que teñen adheridos
os seus establecementos á Central
de reservas en liña de Turgalicia, ao obxecto de ampliar as súas posibililidades
de comercialización, de xeito que a súa oferta podería chegar a 8.000 axencias
minoristas españolas a través deste operador maiorista.
Froito da posta en
servizo da central de reservas enliña do Turismo Rural de Galicia o pasado ano,
xorden novas liñas de negocio para as casas de Turismo Rural de Galicia, como
esta da maiorista Factor ocio, que posta en contacto con Turgalicia pretende
ampliar as liñas de negocio dos establecementos rurais galegos.
Así, a sociedade pública
para a promoción turística, dependente da Consellería de Cultura e Turismo
facilitará con estas xuntanzas, que se desenvolverán entre os días 6 e 8 de
xuño, a comunicación entre as canles de distribución turística e as empresas
galegas de Turismo Rural para a ampliación dos seus mercados.
Por outra banda, a nova
central en liña de aloxamentos de Turismo Rural de Galicia, que funciona a
través de Turgalicia, xerou desde a súa posta en servizo en abril de 2010 máis
de 660.000 euros. A central, ademais, neste ano de funcionamento, xestionou
máis 22.000 pernoitas nos distintos aloxamentos rurais galegos.
Así, o incremento do
número de idiomas nos que se pode consultar a plataforma (oito en total)
facilita a realización da reserva sen problemas. Trátase dun módulo funcional e
operativo que permite estar conectado directamente con 1.800 operadores
turísticos e cuns 18.800 puntos de venda final, dos que 7.000 son españois,
6.000 son alemáns, 4.000 son italianos e 1.800 son portugueses.