A Cátedra de Feminismos 4.0 impulsará un observatorio de machismo dixital: Stop Machitroles

mércores, 23 de xuño do 2021 S. P.

A UVigo e a Deputación de Pontevedra fixeron este 23 de xuño balance da súa iniciativa conxunta Cátedra de Feminismos 4.0, que, se indica no seu nome, vai dirixida a mobilizar coñecemento, investigación e iniciativas concretas para reivindicar a presenza das mulleres no ámbito das novas tecnoloxías, un eido que malia as novidades que pon en xogo (constitúe, sobre o papel, un ámbito avanzado) é un eido fortemente masculinizado. Segundo fixeron saber, o seguinte paso será a posta en marcha dun observatorio de machismo e un laboratorio de ideas.
A posta en marcha dun observatorio de machismo dixital Stop Machitroles, e dun laboratorio de ideas son as principais novidades que a Cátedra de Feminismos 4.0 impulsará cando acada os tres primeiros anos de existencia. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentaron na sede do organismo provincial en Vigo as novas accións que a cátedra desenvolverá, así como as actividades máis salientables desenvolvidas durante os últimos meses, como axudas á investigación, premios e obradoiros.
O observatorio, ao detalle
Segundo fixeron saber, o observatorio permitirá “analizar os distintos tipos de violencias machistas en Internet e nas redes sociais, a partir das denuncias anónimas de agresións, acosos, vexacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera tipo de comportamento misóxino e machista e/ou sexista”. Coas incidencias recollidas realizarase un informe que amosará cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas na que se presenta a violencia contra as mulleres, machismo e misoxinia na contorna dixital.
O laboratorio, polo miúdo
Pola súa banda, o laboratorio de ideas crearase no marco do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 e ao seu abeiro, as especialistas que integran o comité desenvolverán propostas (a través dunha perspectiva de xénero) e outras actividades para propiciar “espazos de reflexión común que conflúan nun produto científico, coa finalidade de convidar á reflexión á sociedade sobre o retos que cómpre enfrontar para eliminar barreiras e resistencias sociais, permitindo que as mulleres se apropien, accedan e actúen no mundo dixital con igualdade, incorporándose a este medio contidos elaborados con perspectiva de xénero”, explicaron.
Novidades e accións que continuarán este ano
Logo do éxito acadado en anos anteriores, a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confirmou a continuidade das axudas á investigación, ás que se destinarán 30.000 euros, dos que cada persoa beneficiara poderá xestionar un máximo de 6.000. Así mesmo, volverán a convocarse os Premios GirlGeekCovid, co obxectivo de fomentar os estudos STEM entre as alumnas da UVigo, que poden recibir un galardón de 2.000 euros e un accésit de 1.000 nos ámbitos científico e tecnolóxico.
Amais, no mes de outubro celebrarase unha nova edición do obradoiro Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado, no que expertas en diferente materias ofrecerán relatorios, en formato presencial ou virtual, dependendo da evolución da pandemia.
En paralelo, a cátedra continuará utilizando as súas canles de comunicación para facer visíbel a presenza das mulleres nos eidos científico e tecnolóxico e denunciar situacións de discriminación e desigualdade.
Balance do camiño andado
Entre as accións que a cátedra levou a cabo nos últimos meses, o reitor da UVigo destacou as seis investigacións que acadaron financiamento en 2020 e que abordaron cuestións como a misoxinia nas redes ou a percepción de estudantes ante as carreiras técnicas: “Se algo é importante é que a mensaxe de igualdade se poida sustentar en estudos que sexan rigorosos e científicos”, dixo Reigosa para referirse ao traballo de investigación que promove a cátedra.
En canto aos premios GirlGeekCovid, Reigosa lembrou que galardoaron o talento de catro estudantes da UVigo con destacadas traxectorias nos ámbitos científico e da enxeñaría, “que puxeron de manifesto o potencial feminino nas carreiras técnicas”.
Amais, en relación coa segunda edición do obradoiro Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado, salientou o relevante equipo de relatoras que participou, achegando as súas experiencias, coñecemento e inspiración.
Logo de referirse á creación do Comité de Sabias como “unha iniciativa fantástica que dará moito resultado ao longo do tempo”, Manuel Reigosa tamén aludiu ás accións que se desenvolven a través da web da cátedra, nomeadamente ao boletín de novidades sobre mulleres e STEM.

PUBLICIDADE