A Cátedra de Feminismos 4.0 comeza decembro cunha nova xornada para hackear o patriarcado

venres, 27 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para fomentar o avance das mulleres nos ámbitos tecnolóxicos e investigadores (por exemplo achegando ás mozas as importantes contribucións femininas ao profeso científico e tecnolóxico), vai estar no punto de mira informativo a semana que vén, coa realización da segunda edición do obradoiro de traballo Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado.
O obxectivo desta xornada, que se celebra o 3 decembro en modalidade virtual, é “manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado patriarcado dixital”. As sesión serán abertas ao público a través de UVigoTV.
A cita contará coas achegas de mulleres expertas e referentes nos eidos laborais relacionados coa economía dixital. “Trátase”, informan a UVigo e a Deputación, “de analizar a fenda de xénero que existe nestas profesións e a escasa presenza feminina nas carreiras técnicas e científicas, unha situación que coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso sociopolítico e económico na sociedade”.
Segundo indican, é fundamental xuntar forzas dende todos os ámbitos para corrixir este decrecemento da presenza feminina en espazos innovadores, xa que, “de non corrixir esta tendencia, as mulleres corremos o risco de ser excluídas dos espazos onde se van tomar as decisións máis importantes para o planeta nos próximos anos”, engadiron.
Para abordar esta temática, a xornada contará con achegas da xornalista Montserrat Boix, que falará sobre sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais; da catedrática da UVigo Coral del Río, que analizará os roles de xénero no mercado laboral e da enxeñeira Ana Freire, que abordará os estereotipos de xénero vencellados aos estudos científico-tecnolóxicos. A sesión da mañá pecharase cunha mesa redonda na que participarán Silvia Rueda, directora da Cátedra de Fenda Dixital de Xénero creada entre a Universitat de València e a Generalitat Valenciana; Luz Castro, informática, docente, creadora de videoxogos e divulgadora e representantes do Colectivo Proyecto Una, que se centra en desenmascarar as novas formas de fascismo.
Wikimaratón feminista e obradoiro sobre machitroles, pola tarde
Amais do devandito pola tarde celebrarase un wikimaratón feminista destinado a xerar biografías de mulleres e poñer en valor o seu traballo e un obradoiro virtual para combater machitroles, co fin de achegar ferramentas para dar respostas aos comentarios machistas e misóxinos nas redes.
A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEAM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

PUBLICIDADE