A Cátedra Telefónica celebrará en Vigo unha xornada sobre dixitalización na industria

xoves, 24 de marzo do 2022 Anxo Sesto


Telefónica España e a Universidade de Vigo celebran mañá 25 de marzo, no edificio CITEXVI do campus vigués unha xornada sobre A innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da indutria.
A xornada enmárcase no Encontro Ágora, unha iniciativa que ten por obxectivo analizar o grao de dixitalización da industria galega e debater sobre como serán as fábricas nuns anos ou como están evolucionando coa chegada de novas tecnoloxías como a 5G. A xornada arrancará ás 11 da mañá coa primeira das tres mesas de debate, que se chamará A industria nun entorno dixital e competitivo. Nela participarán, entre outros, o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso; e o vicepresidente segundo e conselleiro económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
A segunda mesa de debate arrancará ás 11:50 h. e chamarase A innovación industrial e o seu futuro. Esta contará coa participación da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; coa directora de Telefónica España en Galicia e Asturias, Paula Beirán, e outras personalidades. Despois dun breve descanso, ás 12:45 haberá unha presentación da Cátedra Telefónica e de seguido, ás 13h. iniciarase a terceira e última mesa de debate, que abordará o uso das tecnoloxías e a innovación en prevención de incendios forestais. Contará coa presencia do conselleiro de Medio Rural, José González; Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, e máis personaxes destacados.

PUBLICIDADE